O Museo de Pontevedra organiza un obradoiro de arte urbana dirixida a nenos e nenas a partir de 12 anos. A actividade levarase a cabo no Edificio Castelao e comezará o próximo 8 de febreiro, dando así paso ao entroido pontevedrés. O grupo encargado de impartir o taller, Comité Secreto de Muros y Vallas, utilizará a figura dun personaxe histórico desta festividade lerezana denominado Urco.
O Urco reinventouse no ano 1876 cando un grupo de intelectuais da cidade publicou o libroReinado y muerte del Urco, que recolle textos en prosa e en verso sobre o entroido dese ano, utilizando a este personaxe como protagonista. O obxectivo do Museo con este obradoiro é achegar o Urco á mocidade pontevedresa a través da arte, empregando a técnica do paste up.
Esta técnica de arte urbana consiste en debuxar con rotuladores acrílicos sobre un papel de gran tamaño. Posteriormente recortaranse as ilustracións elaboradas e pegaranse. O obradoiro vén precedido por anuncios da volta do Urco, que se poden ver nalgúns puntos da cidade.
O obradoiro conta cun límite de 12 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición a partir do 8 de febreiro ás 8 da mañá escribindo ao correo electrónico reservas.museo@depo.gal. A duración da actividade será de tres días, que se repartirán entre os sábados 11, 18 e 25 de febreiro en horario de 11:00 a 13:30 horas.
Por outra banda, a programación do Museo para os próximos días tamén destaca a presentación do libro Museo Provincial de Lugo: Orixe e consodilación (1932-1982). O acto será o xoves 9 de febreiro ás 19 horas no Museo, e estará presentado polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, acompañado de Aurelia Balseiro, autora do libro e directora do Museo Provincial de Lugo.