O 'Tristrás' máis especial de Marful e Sabela, no escenario de Culturgal

Pontevedra
01 de decembro 2019

O concerto especial de Marful con Sabela Ramil encheu este sábado o auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra con máis de 700 persoas. Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugia Pedreira regresaron cun espectáculo deseñado para Culturgal acompañados pola finalista de OT  

Concerto de Marful e Sabela en Culturgal Diego Torrado

O concerto especial de Marful con Sabela Ramil encheu este sábado o auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra con público de todas as idades que se envorcou co regreso da banda composta por Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugia Pedreira e entrou en apoteose cando saltou ao escenario Sabela para interpretar o famoso 'Tristrás'.

Máis de 700 persoas achegáronse ao concerto que se realizou no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, e ateigaron o auditorio, no que chamaba a atención a cantidade de rapazada presente. 

Marcos Teira á guitarra, Pedro Pascual  cos acordeóns diatónicos, Pablo Pascual nos clarinetes e a voz de Ugia Pedreira conquistáronos a todos cun concerto no que rememoraron, reconstruíron e gozaron xuntos outra vez o proxecto que os converteu nun grupo de culto e no que interactuaron co público de xeito moi activo xa desde o principio. 

Avanzada media actuación do que é o regreso ao escenario de Marful (cun espectáculo deseñado para Culturgal), púxose ao seu carón Sabela Ramil, que chegou á final do popular programa televisivo Operación Triunfo versionando o Tristrás, un dos temas máis coñecidos  de Marful. Nese momento, a entrega do público foi total.