O teatro universitario pide paso en Pontevedra cunha nova edición da mostra Miteu

Pontevedra
19 de abril 2024

Cinco propostas escénicas formarán parte da programación da décimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio no Teatro Principal

Presentación da décimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra Universidade de Vigo

Cinco propostas escénicas formarán parte da programación da décimo quinta edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio no Teatro Principal. Con entrada libre, as funcións serán ás 20.30 horas.

A mostra comezará cun espectáculo da compañía colombiana Sin mente Teatro, impulsada en 2015 por estudantes da Universidad Distrital Francisco José de Caldas, de Bogotá.

O mércores 24 de abril presentarán en Pontevedra Tomás, cuando el silencio es complicidad, unha obra dirixida por Germán Frasio Montenegro, que combina a linguaxe corporal, visual e musical co manexo de monicreques.

Dous días máis tarde, poderá verse Antropoloxía do bico (O síndrome do túnel carpiano), unha montaxe realizada pola Aula da Universidade de Santiago de Compostela.

Baixo a dirección de Roberto Salgueiro, esta agrupación presentará unha montaxe conformada a partir de textos de Laura Valeiras, Paulo Mouriño, Maurice Blanchot, Leila Guerreiro e o propio Salgueiro.

O luns 29 poderá verse Desequilibrios, montaxe pola que o grupo Maricastaña do campus de Ourense foi premiado recentemente no Ciclo de Teatro Universitario da Beira Interior.

Con dramaturxia e dirección de Fernando Dacosta, trátase dunha obra ambientada nun manicomio e inspirada no libro Alguén voou sobre o niño do cuco, de Ken Kesey.

Esa mesma semana, o xoves 2, poderá verse no Teatro Principal a adaptación que a Aula de Teatro do campus de Vigo realizou de Soño dunha noite de verán, de Shakespeare.

Baixo a dirección de Sonia Alfaro e Casilda Rúa, será levada ao escenario por un elenco moi coral, formado por máis dunha ducia de actores e actrices.

A clausura, o venres 3 de maio, será con Estupidez Artificial, o espectáculo desenvolvido ao longo do curso polos participantes no obradoiro de teatro do campus de Pontevedra.

Dirixido por Omar Ferrín e Salvador del Río, trátase dun espectáculo conformado a partir de tres textos breves, realizados por Manuel Cortés, Ana Abad de Larriva e Déborah Vukusic, que teñen como nexo de unión a intelixencia artificial.