O Surfing the Lérez celebra este venres o 30 aniversario de Heredeiros da Crus e a resurrección de Dismal

Pontevedra
24 de xuño 2022

Nesta xornada tamén pasarán pola Illa das Esculturas Thee Blind Crows, Moura, Ruxe Ruxe ou Anxo Araújo, entre outros

Concerto de Heredeiros da Crus no Surfing the Lérez PontevedraViva

Heredeiros da Crus levan escribindo a historia do rock en galego dende hai 30 anos. A banda do Barbanza representa como ninguén o retorno constante ao máis xenuino espírito xeracional, o que os converteu en autenticidade eterna que transcende á toda evolución e a toda moda. Despois de dous anos no dique seco, ao igual que o Surfing, volven cargados de enerxía retomando un directo que repasa os seus grandes éxitos cunha posta en escena espectacular. Eles serán os encargados de abrir, ás 13 horas, o escenario Deleite na segunda xornada do Surfing the Lérez.

O festival pontevedrés acolle ademais o venres outro fito histórico; o retorno aos escenarios, despois de 15 anos en silencio de Dismal. A banda pontevedresa de hardcore fundada en 1992 e que chegou a ser unha das grandes referencias estatais do xénero, escolleu o Surfing para voltar a un escenario despois de 15 anos afastada deles.

Ao longo da súas traxectoria, Dismal realizaron numerosas xiras por toda España, Portugal, Bélxica, Eslovenia, Holanda ou as illas Azores, compartindo escenario con grupos como Sepultura, Entombed, Testament, Toy Dolls, Kreator, Rammstein ou Napalm Death.

O cartel do venres do Surfing acolle ademais propostas de corte moi diverso, pero, por suposto, todas elas de grupos e artistas galegos. Polos escenarios da Illa das Esculturas pasarán mañá Ruxe Ruxe, que tamén andan de celebración, neste caso dos seus 25 anos ruxindo; Moura, unha das grandes revelacións da escena musical, que están a piques de emprender unha xira por todo o Estado; Thee Blind Crows, co seu incontestable poderío a cabalo entre o blues e punk; un veterano incombustible como Indy Tumbita, acompañado polos seus The Voodoo Bandits; ou Anxo Araújo, que chega ao Surfing para presentar en directo esa xoia que é ‘Plan de Urbanismo para un novo Couto Mixto’.

O programa complétase coa presenza dos locais Gazela, O Cadelo Lunático e Fondo Norte e cunha sesión de peche do festival a cargo do xornalista musical e Dj residente da Duendeneta Carlos Crespo.

O escenario Karma Club estará adicado durante toda a xornada a sesións de Dj’s. Por el pasarán Señora Dj, Kris K Dj, Dj Dinero e Maefield.

HORARIOS VENRES:

  • 11.30: Apertura de portas
  • 12.00: Señora Dj (Escenario Karma Club)
  • 12.15: Gazela (Escenario Vibra Mahou)
  • 13.00: Heredeiros da Crus (Escenario Deleite)
  • 14.30: Señora Dj (Escenario Karma Club)
  • 14.40: O Cadelo Lunático (Escenario Vibra Mahou)
  • 15.30: Fondo Norte (Escenario Deleite)
  • 16.10: Kris K Dj (Escenario Karma Club)
  • 16.20: Anxo Araújo (Escenario Vibra Mahou)
  • 17.30: Moura (Escenario Deleite)
  • 18.30: Dj Dinero (Escenario Karma Club)
  • 18.40: Ruxe Ruxe (Escenario Vibra Mahou)
  • 19.50: Indy Tumbita & The Voodoo Bandits (Esc. Deleite)
  • 20.50: Maefield (Escenario Karma Club)
  • 21.00: Thee Blind Crows (Escenario Vibra Mahou)
  • 22.00: Dismal (Escenario Deleite)
  • 23.00: Carlos Crespo Dj Set (Escenario Vibra Mahou)