Festivaleiros! Temos unha boa nova para rematar o ano. O SonRías Baixas vén de confirmar as datas nas que celebrará a que será a súa décimo quinta edición. O festival celebrarase en Bueu os días 3, 4 e 5 de agosto, segundo avanzaron os seus organizadores.
As primeiras 500 entradas poranse á venda xa o próximo luns, día 26 de decembro, na web sonriasbaixas.info, a 18,5 euros máis gastos os tres días de concertos, coa acampada incluída. Será unha oferta especial de Nadal ata esgotar existencias.
O pasado verán, 16.500 persoas achegáronse ata a localidade do Morrazo para gozar coa música, a gastronomía e o audiovisual programados polo festival, na que foi a edición máis exitosa e multitudinaria da súa historia e supuxo para Bueu unha inxección económica de 1.200.000 euros, Chegouse ao pleno de ocupación hoteleira en toda a comarca e bares e restaurantes da zona quedaron sen existencias.
Ademais, os organizadores destacan que a maioría dos proveedores do festival son da comarca e máis de 300 persoas traballan no evento, a maior parte, xente da vila.
A particular mistura de música, praia e gastronomía nun contorno privilexiado é unha das principais marcas de identidade do SonRías Baixas, que xa é toda unha referencia do verán en Galicia e no resto do Estado.