O Salón 'virtual' do Libro pechará a súa edición o Día das Letras Galegas co RockLab

Pontevedra
13 de maio 2020

O domingo concluirá unha edición excepcional que pechou as súas portas físicas antes de tempo, pero que prolongou a súa actividade virtualmente durante case dous meses máis do previsto

Captura de pantalla da preparación con Os Cabaleiros e Damas do Rock Salón do Libro

Este domingo 17 de maio, o Salón do Libro de Ponteveda concluirá unha edición excepcional. Unha edición que comezou no Pazo da Cultura o 6 de marzo e pechábase seis días despois, antes de que se decretase o estado de alarma pola pandemia da COVID-19. A situación trastornou a programación que a partir dese momento levou ao ámbito virtual e prolongouse case dous meses despois da data en que concluíse.

Durante estas semanas de confinamento o Salón do Libro co seu programa de actividades tratou de ser un lugar de entretemento para os máis pequenos e unha fonte de recursos de xogo para a familia.

Chegados á súa recta final, previuse unha última xornada intensa con sorpresas, pezas recompilatorias, a segunda parte do taller 'Aprende banda deseñada con Fiz” de Kiko Dasilva e un concerto a cargo de RockLab.

O director do Rocklab, Gonzalo Maceira, aceptou a proposta do Concello, non exenta de dificultades: "traballamos con 30 alumnos e alumnas de seis a dez anos (mediante plataformas virtuais) para as clases; con sesións individuais, por grupos, e con moita formación para pais, que se involucraron moitísimo no proxecto", explicou á organización do Salón.

A emisión das actuacións dos Rock ' N' Roll Monsters e Os Cabaleiros e Damas do Rock será sobre as seis da tarde do próximo domingo e poderá seguirse nos perfís de Facebook, Instagram e Youtube do Salón do Libro, así como na súa propia web.