O Salón do Libro bebe da experiencia dun 2020 confinado e de Culturgal: "abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo"

Pontevedra
29 de novembro 2020

O Concello presentou no Espazo Foro de Culturgal a nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra; a biografía de Josefina Arruti en formato cómic, Os berros da motocicleta; o libro sobre Virxinia Pereira, A vida incerta; o proxecto Falamos coa Universidade de Vigo; e a mostra 'Na beira do río. Diálogos na pintura'

Actividades do Concello de Pontevedra en Culturgal 2020 Cristina Saiz

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa quenta motores para a súa edición 2020 e, como é habitual, aprobou a Feira das Industrias Culturais de Galicia Culturgal para facer un pequeno adiante do que se organizará na primavera. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, e a directora do Salón, Eva Mejuto, adiantaron que será unha edición mixta presencial e virtual.

"Abriremos as portas virtuais para a participación de todo o mundo", sinalaron no espazo Foro de Culturgal no Pazo da Cultura, no que na mañá deste domingo o Concello aproveitou para presentar algúns dos seus proxectos estrelas no ámbito cultural: a biografía de Josefina Arruti en formato cómic, Os berros da motocicleta; o libro sobre Virxinia Pereira, A vida incerta; o proxecto Falamos coa Universidade de Vigo; e a mostra 'Na beira do río. Diálogos na pintura'.

En relación co Salón do Libro, adiantaron que a edición 22 irá moi acordo aos tempos actuais mesmo no título, 'Emerxencia Literaria: libros para salvar o planeta', e entre o 5 e o 21 de marzo de 2021 beberá da experiencia que xa tiveron este ano 2020, pois levaban seis días de evento cando o estado de alarma pola covid-19 obrigou a pechar as portas, e tamén da experiencia estes días do Culturgal.

A nova edición, segundo avanzou Fouces, estará lista para adaptarse ás condicións sanitarias que se dean no momento de celebrarse e seguirá as recomendacións de apostar polos eventos ao aire libre. Desta maneira, terá parte da súa sede en espazos ao aire libro como a Illa do Covo e levará bibliotecas móbiles e actividades a distintos puntos da cidade e barrios.

O Salón do Libro 2021 estará conectado coa pandemia e a organización decidiu que non teña país convidado, senón que sexa todo o planeta. Por unha banda, non queren "arriscar" a desprazamentos internacionais e por outra, queren trasladar que a pandemia "nos coloca igual todo o planeta; estamos unidos e non podemos estar demasiado afastados uns dos outros".

Ademais, a nova edición unirase á anterior para recuperar actividades que tiveron que quedar pendentes como a homenaxe a Kiko Dasilva e Helena Villar Janeiro, e apostará por apoiar a industria cultural máis próxima, de maneira que o habitual concurso internacional para o deseño do cartel será para 2021 a nivel galego.

Ademais, tal e como adiantaron Mejuto e Fouces, inspiraranse nas necesidades que se lle presentaron en marzo ao ter que pechar as portas, de maneira que crearán unha sección virtual de 'Orbil recomenda' como a que se puxo en marcha durante o confinamento e fomentarán a creación de contidos audiovisuais de calidade en galego, dos que hai oito meses notaron moitas carencias.

Os centros escolares, un dos eixos centrais do Salón do Libro, manterán o seu protagonismo, pero buscaranse novas fórmulas, visitando os propios centros ou con contidos en streaming.

No Espazo Foro tamén sentaron este domingo o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda, e a xornalista e escritora Montse Fajardo, que presentaron a figura de Virxinia Pereira, "moito máis que a muller de Castelao" e a biografía que acaba de editar o Concello de Pontevedra ao abeiro do programa 'A memoria das mulleres'. 

"Pontevedra, Galicia enteira tiñan unha débeda con Virxinia", destacou Fajardo, que cre que esta biografía está a ser "unha forma de empezar a pagar esa débeda", pois supón divulgar a súa historia desta muller que foi a responsable de que o legado de Castelao se manteña en mans do pobo galego. "Sen Virxinia e o seu fondo compromiso, é máis que probable que moita da obra de Castelao que hoxe está no Museo de Pontevedra e no de Lugo estivese en mans privada e dispersa", augurou a escritora.  

Fajardo e Moreda engadiron a importancia que tiveron nesta biografía as cartas que intercambiou con Otero Pedrayo, que "trataba a Virxinia de ti a ti, como compañeira de loita contra o fascismo", e Valentín Paz Andrade, e destacaron a importancia da súa loita contra o franquismo, ao tempo que puxeron sobre a mesa a biografía "inxusta" que se coñecía dela ata a chegada deste libro. 

Moreda tamén participou na presentación da biografía de Josefina Arruti en formato cómic, acompañado polos autores, Kiko Dasilva e Pablo Prado, e explicou que con esta iniciativa o Concello buscou vías de achegar á historia da cidade e da represión á xente máis nova. "Se todos tivésemos presente e coñeceramos o que pasou nese momento non estarían a rexurdir os fascimos", engadiu. 

O Espazo Foro tamén acolleu a presentación do programa 'Falamos' da concellaría de Normalización Lingüística e a Universidade de Vigo, coa participación do concelleiro pontevedrés do ramo, Alberto Oubiña, e o responsable do proxecto na Universidade, Fernando Ramallo, ademais de dúas participantes na iniciativa, Sabela e Zeltia. 

O proxecto busca atopar novos neofalantes en galego entre un alumnado universitario no que tan só o 18% é monolingüe en galego. "É un xeito de dar un empuxón a que se animen a falalo e tamén unha vía de coñecer xente nova cando chegas ao campus", explicaron. 

A listaxe de proxectos pontevedreses en Culturgal completouse cunha análise dos dez anos da mostra 'Na beira do río. Diálogos na pintura', a cargo do comisario, Ramón Rozas, e a xornalista Teresa Cuíñas. Ambos os dous destacaron que non é habitual que proxectos culturais cumpra 10 anos de actividade ininterrompida.

Ademais, insistiron na súa importancia a nivel artístico e tamén como un xeito de que a cidadanía cree o hábito, cada outono, de de cruzar o río, unha barreira para moitos pontevedreses entre o centro da cidade e o Pazo da Cultura, e xa adiantaron que, de cara á edición 11, pensa en darlle protagonismo ao 30 aniversario da Facultade de Belas Artes en Pontevedra.