O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra continúa esta semana co ciclo de faladoiros relacionados coa creación literaria e plástica iniciado a semana anterior cun diálogo centrado no cómic entre Miguel Anxo Prado e Pablo Prado.
De coller a testemuña encárganse este martes Kiko Dasilva cun encontro lector sobre Os berros da motocicleta conducido por Montse Fajardo. O mércores será a quenda de Montse Pena Presas a partir da obra Intempestiva. Unha biografía literaria de Xela Arias conducido por Rosalía Fernández. O xoves o protagonismo será para a Editorial Catroventos, sobre "libros para salvar o planeta" coa participación do editor Isidro Dozo.
O venres falarán sobre o oficio da escritura Ledicia Costas e Mariña Maceiras, mentres que o sábado Meu dito, meu feito realizará unha achega ao cómic autoeditado.
Todas as actividades están previstas para as 19.30 horas e pódese solicitar asistencia a través da web do Salón do Libro ou na Librería Paz.