O ritmo máis inclusivo pon en pé o parque dos Gafos

Pontevedra
14 de xullo 2019

A choiva que caeu en Pontevedra en varios momentos da mañá e da tarde deste sábado non impediu que o parque dos Gafos se convertera en epicentro da diversidade e da pluralidade e centos de persoas gozaran do Flop Festival

Quinta edición do Flop Festival no parque dos Gafos Diego Torrado

A choiva que caeu en Pontevedra en varios momentos da mañá e da tarde deste sábado non impediu que o parque dos Gafos se convertera en epicentro da diversidade e da pluralidade e centos de persoas gozaran do Flop Festival. 

O festival chegou á súa quinta edición con moi boa saúde que impediu unha desbandada de público cada vez que a choiva se impoñía na zona. Lonxe de escapar, os espectadores xuntábanse neses momentos baixo as dúas carpas habilitadas pola organización, unha na zona de comida e outra arredor do escenario dos concertos, e seguían a bailar e a compartir tempo de lecer. 

O resultado desta resistencia á choiva foron doce horas de música ininterrompida -en algún momento, parou un par de minutos pola tormenta- e un parque que se puxo en pé ao ritmo máis inclusivo de todos os que se poden experimentar en Pontevedra. 

O obxectivo do festival cumpriuse con creces, pois reivindicou as liberdades e dereitos LGTBI cunha xornada enteira de lecer integrador e para todos os públicos. Entre os presentes dominou a xente moza e de mediana idade e non faltaron familias con nenos. De 12 a 12, do mediodía á medianoite, todos tiraron de orgullo e compromiso na defensa das liberdades individuais e colectivas. 

Os asistentes tiveron unha zona de comida con foodtrucks que incluían oferta vegana, vexetariana e sen glute e outra máis centrada na música, na que soaron formacións internacionais como a australiana Bell Towers, outras de procedencia estatal como Sano, Samantha Hudson e Blue ligths in the basement, e outras galegas como More amore, Babykatze, Lua Zalamera, Mico, Certain People e o DJ Viktor Flores.

Este ano, como novidade, a organización pechou o recinto para evitar que se practicara o botellón no medio do festival, pero a entrada foi igualmente de balde e promovendo o respecto polo medio a través dun sistema de reciclaxe moi coidado.