O público pontevedrés non deixa só a Robinson Crusoe no Teatro Principal

Pontevedra
21 de marzo 2021

A compañía vasca Markeliñe presentou este domingo no escenario do Teatro Principal unha metáfora da vida cun toque de poesía visual, con música en directo e moito humor tal e como confirmou o público coas súas risas e aplausos

Domingos do Principal. "Crusoe" da compañía vasca Markeliñe Cristina Saiz

"Crusoe, nunha illa só. Nunha illa con sabor a mar abandonado, vai vendo a vida pasar e así aprenderá a vivir e a relacionarse coa súa contorna, e a coidala, dentro da súa soidade". 

A compañía vasca Markeliñe presentou este domingo no escenario do Teatro Principal unha metáfora da vida cun toque de poesía visual, con música en directo e moito humor tal e como confirmou o público coas súas risas e aplausos.

A proposta de Domingos do Principal demostrou o talento e o bo facer que atesoura esta compañía despois de 25 anos nos escenarios. 

Markeliñe utiliza textos clásicos e coñecidos para darlle unha pequena volta. Nesta ocasión, adaptan unha das obras máis famosas do soado escritor inglés Daniel Defoe, para contar a través de tres intérpretes e un músico, unha historia suxestiva, imaxinativa e divertida.

A obra foi recoñecida co premio Fetén 2020 á Mellor Música.