O público do Culturgal premiará a Casa de Rosalía, o Chanfaina'Lab ou a Rede Cultural da Coruña

Pontevedra
09 de novembro 2018

As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas polas que o público da feira nas redes ten que se decidir. Valóranse, como é habitual, aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación

Público no Culturgal 2017 Culturgal

A Casa de Rosalía, o Chanfaina Lab e a Rede Cultural da Deputación da Coruña. Son os tres candidatos para gañar o Premio do Público Culturgal 2018.

As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas polas que o público da feira nas redes ten que se decidir. Valóranse, como é habitual, aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron o Premio do Público o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015), Festival Agrogay da Ulloa (2016) e Play-Doc (2017).

O público pode participar a través da app Easypromos, especializada na xestión da participación do público en votacións en redes e que permite á feira compartila en todas as súas canles. A votación estará aberta ata o 23 de novembro.

A Casa de Rosalía, con case cinco décadas de historia, é unha referencia dentro e fóra de Galicia. Situada en Padrón, concentra a vixencia da figura e obra de Rosalía de Castro.

Pola súa banda, o Chanfaina'Labnon é un festival audiovisual ao uso. Celébrase en San Sadurniño e trátase dun proxecto de creación colectiva que implica de maneira activa a creadores e veciñanza e que segue medrando ao longo das súas cinco edicións. 

A Rede Cultural da Deputación da Coruña, por último, ofreceu case dous mil espectáculos no último ano por toda a provincia. Constitúe unha programación de espectáculos -fundamentalmente artes escénicas e música, pero tamén contidos audiovisuais-, que involucran a máis de cincocentas empresas, entidades e compañías.

Arquivado en