Culturgal cederá o protagonismo ao público na súa undécima edición, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 30 de novembro e 2 de decembro. A xente é, segundo os seus organizadores, "a razón do éxito" deste evento que, engadiron, é o "buque insignia" que representa a toda a cultura galega.
A travesía de Culturgal "non sería posible" sen a da audiencia que, edición tras edición, acude a Pontevedra a coñecer as novidades culturais en libro, artes escénicas, música ou audiovisual, a participar do encontro profesional, a contactar con artistas e creadores ou, simplemente, a enchouparse da intensa actividade cultural que ten lugar ao longo das tres xornadas.
De aí que, segundo explicou o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, o lema escollido para a edición de este ano sexa "Ti levas o compás", porque é o público o que "guía e deseña o proxecto feiral". O obxectivo será "fidelizar" un público "de calidade" que valore a produción das industrias culturais galegas e que fan que estas "sigan existindo".
De cara á feira de este ano, está aberto ata outubro o prazo para a reserva de stands. O director de Culturgal, Xosé Aldea, recordou que tradicionalmente o espazo feiral esgótase antes de que remate o prazo oficial, polo que recomendou aos interesados que non demoren moito a presentación da súas solicitudes.
Tamén está aberto o prazo para as propostas de programación cultural. Aldea recordou que, de xeito habitual, a feira recibe unhas duascentas propostas diferentes, das que teñen cabida no programa aproximadamente unhas 140 actividades.
En 2018, por segundo ano consecutivo, o Espazo de Arte Contemporánea, que ocupará a sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, suma preto de mil metros cadrados máis á superficie habitual da feira, que ocupa os 4.800 metros cadrados do recinto feiral pontevedrés.
De novo, Culturgal contará con cinco espazos diferenciados. Ademais do reservado á arte contemporánea, haberá áreas para o sector editorial e literario e para actividades dirixidas a un público infantil e familiar, o "Espazo Carpa" para actuacións en directo e un foro para conferencias, faladoiros ou presentacións de produtos culturais.
O director de Culturgal engadiu que, se na pasada edición, Portugal foi o país convidado e trouxo a Pontevedra diferentes propostas culturais, desta volta avanzarase nunha colaboración máis intensa. "Aspiramos a manter unha relación de normalidade co sector cultural portugués", explicou Xosé Aldea.
Na presentación da feira tamén participaron o director do Agadic, Jacobo Sutil, que reafirmou a intención da Xunta de Galicia de ter unha grande programación dentro do Culturgal; ou o deputado de Cultura, Xosé Leal, que anunciou que a Deputación seguirá involucrando aos concellos dentro de Culturgal como axentes culturais.
"Non queremos só que veñan mostrar o que fan, senón tamén para que coñezan e contacten coa filosofía, cos profesionais ou coas empresas con presenza na feira", avanzou Leal.
A concelleira de Cultura en Pontevedra, Carmen Fouces, remarcou pola súa banda o compromiso "indiscutible" do Concello con este evento, que reforza a posición da cidade como "referencia" para a cultura galega.
"Queremos que nesta edición volva a haber records, non só de público, que xa non pode haber moito máis; o que nos gustaría é que os programadores coñezan e contraten os proxectos que conflúen en Culturgal", engadiu Fouces, que sinalou que "non moitos eventos culturais do Estado" teñen á súa disposición o espazo que ocupa cada ano esta feira.