O 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible' consolida o campus CREA de Pontevedra

Pontevedra
26 de novembro 2021

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo avanza no camiño cara á súa especialización como campus 'CREA S2i', co 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible', unha iniciativa que cumpre a súa cuarta edición como unha referencia na formación transversal e interdisciplinar

Campus de Pontevedra Gabriela Varela Asorey

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo avanza no camiño cara á súa especialización como campus 'CREA S2i', co 'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible', unha iniciativa que cumpre a súa cuarta edición como unha referencia na formación transversal e interdisciplinar.

Este programa innovador, coordinado pola doutora e profesora titular da Facultade de Enxeñería Forestal Ángeles Cancela, busca estudar e aplicar solucións creativas aos desafíos da sociedade actual desde diferentes ámbitos, explorar novas formas de innovación e, á súa vez, entender o modo en que se desenvolven, conseguen os seus fins ou fracasan. Así mesmo, fomenta os valores de innovación, creatividade e compromiso ambiental, que inspiran ao campus 'CREA S2i'.

Neste proxecto académico converxen todas as ensinanzas do campus de Pontevedra a través de seis liñas de traballo: Innovación en Saúde; Innovación, Sostenibilidade e Comunicación; Deseño e Innovación Social; Innovación e Sustentabilidade dos Recursos Naturais; Gobernanza e Innovación; e Innovación Pedagóxica na Profesionalización Docente. 

O campus de Pontevedra conta con cinco programas de doutoramento. Catro están directamente vinculados a graos: Belas Artes e Educación, cada un cun programa propio, e Ciencias da Actividade Física e o Deporte, que conta con dous doutoramentos específicos. A eles sumouse en 2017 o  'Programa de doutoramento en creatividade e innovación social e sostible', co que se dá resposta ao estudantado doutras titulacións do campus, como Ciencias Sociais e da Comunicación, Enxeñería Forestal ou Fisioterapia, para que poidan desenvolver a súa tese como continuación dos seus estudos de grao e especializarse na carreira investigadora, en ámbitos académicos o en una empresa privada.

A QUEN VAI DESTINADO?

O alumnado que opte a unha das 20 prazas que oferta esta especialización en 'Creatividade e innovación social e sostible' poderá proceder de diferentes titulacións compatibles cos obxectivos e ámbitos do Programa, enfocados á creatividade e innovación social e sustentable desde a educación, saúde, deseño, gobernanza, comunicación e recursos naturais.

En canto ao perfil de ingreso recomendado, daráselles prioridade ás persoas cun percorrido académico de licenciatura, grao ou mestrado relacionado coas áreas propias do profesorado que imparte o doutoramento, formado por un claustro de máis de cen docentes organizados en seis equipos de traballo. 

Así mesmo, é recomendable un bo coñecemento de inglés, a partir do nivel B1, para o seguimento dalgunhas actividades formativas, como o seminario de comunicación escrita en inglés, presentación de comunicacións, asistencia a congresos de carácter internacional e a elaboración de publicacións en revistas.

Finalizado o primeiro prazo de preinscrición o pasado mes de setembro, en 2022 abrirase un segundo prazo, do 3 ao 7 de febreiro. O período de matriculación estenderase do 24 ao 28 de febreiro de 2022.

ESPAZOS DE DOCENCIA

A pandemia da Covid e as medidas de confinamento pasadas levaron a mudar as clases a un formato exclusivamente online. A boa evolución da situación sanitaria prevé manter os espazos académicos habituais para a edición que se desenvolverá en 2022. 

Deste xeito, as actividades presenciais terán lugar na Casa das Campás-Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, Facultade de Belas Artes, Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Facultade de Fisioterapia, Escola de Enxeñaría Forestal e Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

SAÍDAS PROFESIONAIS

Unha vez rematado o doutoramento, o ámbito laboral do persoal investigador pode ser tanto o sector privado coma o sector público, no que destacan os centros de investigación nas universidades. 

En concreto, o persoal investigador pode realizar un postdoutoramento nunha institución académica, investigar e dar clases na Universidade, traballar nunha empresa privada en departamentos de I+D+i, crear un empresa propia de persoal investigador do tipo spin off ou participar en proxectos de auto-ocupación.

Arquivado en