O primeiro concerto do Festival Internacional de Jazz abarrota a Praza do Teucro

Pontevedra
14 de xullo 2016

Despois de Sumrrá, a baterista Naíma Acuña será a encargada de subir ao escenario da Praza do Teucro para ofrecer un novo concerto a partir das 22.30 horas deste xoves

Primeiro concerto do Festival Internacional de Jazz: Sumrrá Mónica Patxot

Cun concerto vibrante comezaron as actuacións estrela no Festival Internacional de Jazz de Pontevedra este mércores 13. As cadeiras instaladas pola organización quedaron escasas para seguir o concerto de Sumrrá e numeroso público optou por sentar directamente sobre a pedra da Praza do Teucro para seguir a actuación destes músicos galegos, que nesta primeira xornada xa puxeron un listón moi alto de calidade.

A baterista Naíma Acuña será a encargada este xoves de subirse a ese mesmo escenario a partir das 22.30 horas.

É unha artista moi nova pero cunha importante traxectoria profesional que leva camiño de convertela nunha dos principais referentes do jazz galego. Acompañou a artistas tan recoñecidos como Pacco Charlín, Chris Young, Brian Traynor ou Don Rendell. Estará acompañada polo saxo alto de Pablo Castaño, a guitarra de Gareth Fowler e o órgano hammond de Alex Salgueiro.

A partir deste venres 15, os concertos trasladaranse á Praza da Ferrería. A primeira cita será cun proxecto ambicioso, a Pontejazz Big Band, que reúne a grandes músicos galegos nunha proposta que, segundo os organizadores, asombrará aos espectadores.

AmpArticleViewer.default.tags