O paso da curta á longa, a dirección de arte e a produción centran as charlas do FICBUEU 2019

Bueu
21 de agosto 2019

O realizador Xacio Baño, a directora artística da película Ons e o produtor executivo de Frida Films compartirán as súas experiencias

Coloquios do FICBUEU FICBUEU

O tránsito desde as curtametraxes ata a longametraxe, a dirección de arte no cinema ou a produción dun filme serán as principais temáticas abordadas nas charlas do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 6 ao 14 de setembro. As conferencias, con entrada de balde, celebraranse nas fins de semana no Punto de Encontro do FICBUEU e estarán impartidas por reputados profesionais como o realizador Xacio Baño, a directora artística Elia Robles ou o produtor Sergio Frade.

Baixo o epígrafe ‘A dirección de arte no cinema’, Elia Robles introducirá na súa clase maxistral a metodoloxía e a importancia desta disciplina, achegando experiencias propias e compartindo co público do festival como enfronta a creación estética de cada novo proxecto.

Será o sábado día 7, a partir das 11.30 horas. A convidada formou parte do Departamento de Arte do filme La sombra de la ley, recentemente galardoado co Goya á Mellor Dirección Artística, e vén de traballar con Amenábar ou Sánchez Arévalo. Na sesión farase ademais unha breve presentación da longametraxe Ons, na que Elia Robles se encarga da dirección artística, para o que tamén contarán coa presenza de Alfonso Zarauza, director da fita.

‘Da curta á longa’ será o título da conversa que o domingo 8 de setembro, á mesma hora, vai protagonizar o director Xacio Baño, quen lle toma así o relevo a Rodrigo Cortés, convidado en 2018 para explicar este tránsito tan habitual no eido da dirección cinematográfica. Xacio Baño, galardoado co Premio á Mellor Curtametraxe Galega en varias edicións do FICBUEU, presentou a súa primeira longa, Trote, o pasado ano en Locarno. No relatorio, dinamizado polo tamén realizador Gaspar Broullón, revisará a súa traxectoria para afondar nas diferenzas á hora de abordar proxectos de diferente metraxe e os retos que lle supuxo mudar de formato.

O sábado 14, ás 12.30 horas, será a quenda para o produtor executivo de Frida Films, Sergio Frade, que coa conferencia ‘A produción dunha película’ lle achegará aos asistentes o complexo proceso de sacar adiante un proxecto cinematográfico, desde a recepción do guión ata obter a copia final da cinta. O último treito da súa intervención centrarase nas vías para autoproducir unha curta, con especial atención á busca de financiamento. Frida Films aposta polo cinema de autor con nomes como Nely Reguera, Juanjo Giménez ou Diana Toucedo.

Cafés con CREA e con Proxecta

Alén destas tres conferencias, o FICBUEU 2019 ofrecerá ademais no Punto de Encontro outro tipo de foros con profesionais da cinematografía. Tal é o caso de ‘Achegándonos, un café con Proxecta’, organizado en colaboración coa Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.

A mesa redonda, que terá lugar o sábado 7 ás 10.30 horas, xirará arredor do papel do voluntariado neste tipo de certames e os desafíos que supón a súa xestión. Do mesmo xeito, o día 8 desenvolverase con idéntico horario ‘Achegándonos: un café con CREA’, para o que un ano máis contaremos coa participación da Asociación de Profesionais da Dirección e Realización de Galicia (CREA), desta volta para conversar sobre as súas experiencias nos festivais de cinema, tanto do ámbito estatal como internacional. Ambos os dous eventos están abertos ao público, que ademais poderá degustar un café cortesía de Cafés Candelas.

O programa do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu incorpora a maiores citas como o xa anunciado ‘Encontro con Luis Zahera’, no que o público do certame poderá atoparse co recoñecido actor, o sábado 7 de setembro ás 18 horas no Centro Social do Mar.

Ademais, no Punto de Encontro celebraranse coloquios con directoras, produtores e intérpretes das curtas proxectadas no FICBUEU 2019. O día 7, ás 22 horas, celebrarase o debate correspondente á Sección Galicia R, mentres que de luns a venres, ás 21.15 horas, o protagonismo será para os convidados internacionais.