O Palacete das Mendoza abre a exposición "Esencial" de Jesús Díaz Ferrer

Pontevedra
30 de setembro 2024

A mostra que celebra o centenario do nacemento do pintor poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas ata o 20 de outubro

Exposición "Esencial" de Jesús Díaz Ferrer USC

A Deputación de Pontevedra inaugura este venres, 4 de outubro, a exposición "Esencial", unha mostra que celebra o centenario do nacemento do pintor Jesús Díaz Ferrer (O Barco de Valdeorras, 1922 – Teruel, 2017) e que poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o vindeiro 20 de outubro.

O principal obxectivo desta exposición é intentar clarificar a complexidade de Jesús Díaz Ferrer, amosándoo ao público dun xeito que facilite a súa comprensión. Por unha banda, búscase indagar no "esencial" da súa obra, o que realmente a sustenta.

Por outra, trátase de deixar patente que nos atopamos ante un artista que, por ter transitado durante a súa longa carreira desde as derradeiras vangardas europeas ata a posmodernidade, resulta "esencial" para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea desde mediados do século XX ata os inicios do XXI.

Jesús Díaz Ferrer, Jesús "do Barco", foi autodidacta, e iniciouse na arte pictórica a unha idade temperá. En 1940 trasladouse a Madrid para dedicarse enteiramente á súa carreira artística e a partir de 1953 asentouse en París, onde viviu e traballou durante 28 anos. Como artista prolífico e polifacético, na súa dilatada carreira de 77 anos transitou por multitude de movementos, tendencias, estilos e campos.

Ademais, desenvolveu diversas técnicas, entre elas a escultura en múltiples soportes, a fotografía, a orfebrería de oro e prata ou o gravado.

A exposición "Esencial", que acollerá a partir deste venres o Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 20 de outubro de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e domingo de 10:00 a 14:00 horas.