O Museo unirá baixo terra os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López

Pontevedra
26 de novembro 2019

O Museo do Louvre foi, salvando as distancias, a inspiración para o proxecto de rehabilitación do 'corazón' do Museo de Pontevedra, os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, pechados desde hai seis anos. Un ambicioso proxecto, que xa tramita a Deputación de Pontevedra, prevé unilos co Fernández López

Os edificios García Florez e Castro Monteagudo PontevedraViva

O Museo do Louvre foi, salvando as distancias, a inspiración para o proxecto de rehabilitación do 'corazón' do Museo de Pontevedra, os edificios Castro Monteagudo e García Flórez, pechados desde hai seis anos. Un ambicioso proxecto, que xa tramita a Deputación de Pontevedra, prevé unilos co Fernández López.

Será mediante unha conexión que, a dous niveis, construirase baixo terra. "É complexo pero factible", explicou este martes o vicepresidente provincial, César Mosquera, responsable político do Museo de Pontevedra. "Non hai outra posibilidade", engadiu.

"É unha solución viable, bonita, alternativa e lograda que encaixa con todas as necesidades que ten o museo", sinalou Mosquera. Esta actuación permitirá duplicar o espazo actual destes tres edificios e crear unha gran área museística de 3.845 metros cadrados dispoñibles. Prevese que as obras, se non hai contratempos, poidan comezar a mediados de 2021.

Sete foron os condicionantes, segundo explicou o director do Museo, José Manuel Rey, para deseñar esta proposta. O principal, marcado por Patrimonio, era que a reforma non podía engadir "ningún elemento exterior" que fose alleo a unha escena urbana "con tanto significado e beleza" como a que rodea a estes tres edificios.

Lograr a "plena accesibilidade" a todos os espazos museísticos, a necesidade de contar cunha área "ampla e diáfana" que sirva como entrada e recepción a esta mazá cultural ou deseñar estancias que permitan ofrecer servizos "básicos" para un museo como aulas polivalentes ou salas para os guías foron outras das liñas de traballo.

Ademais, o Museo pedía eliminar as compartimentacións e divisións "alleas" aos edificios orixinais creadas no seu interior, gañar superficie expositiva "de xeito significativo" e incorporar a tecnoloxía e as medidas de eficiencia enerxética que garanta a súa funcionalidade.

Con estas vimbias, o arquitecto Jesús Fole, autor desta proposta, traballou para crear un "novo espazo" que conecte estas tres mazás e habilite unha superficie expositiva "importante". Trátase dun proxecto "complexo", xa que lembrou que os edificios teñen unha rasante e unha altura diferente. "É unha obra de enxeñería avanzada", dixo.

A entrada a este novo complexo unificado do Museo de Pontevedra será polos soportais do edificio Fernández López, segundo detallou Fole. Baleirarase o seu interior para crear un vestíbulo diáfano duns 250 metros cadrados no que se situarán, entre outros, a recepción, o control de seguridade ou mesmo unha pequena tenda de acceso libre.

Nun dos extremos haberá unhas escaleiras que conectarán co primeiro nivel do paso subterráneo, que unirá o Fernández López co edificio Castro Monteagudo. Ao chegar a este, un segundo nivel irá ata o García Flórez. Haberá ascensores nestes dous edificios e un deles chegará a un miradoiro que permitirá contemplar o 'sky-line' do centro histórico.

No seu interior tanto o Castro Monteagudo como o García Flórez, explicou o arquitecto, "quedarán liberados" das divisións " pouco afortunadas" que se realizaron, recuperando o seu "carácter" de vivendas unifamiliares e as súas amplas estancias, permitindo un maior aproveitamento expositivo e habilitando, entre outros, unha sala de conferencias.

Esta rehabilitación xa foi presentada ante Patrimonio e os servizos urbanísticos do Concello xa que, entre outras cuestións, será necesario modificar o plan de protección do centro histórico pontevedrés. Ademais, contratáronse xa o estudo geotécnico e un estudo detallado das condicións dos tres edificios.