O Museo sumou máis de 5.400 visitas en Semana Santa

Pontevedra
11 de abril 2023

O vicepresidente César Mosquera destaca a "fortaleza" de que o Museo sexa apreciado pola xente de Galicia: oito de cada dez persoas visitantes individuais son galegas e o 80% destas, da provincia

Visitantes nas Ruínas de San Domingos Diego Torrado

O Museo de Pontevedra vén de conseguir 5.413 visitas aos diferentes edificios e actividades da institución durante esta Semana Santa.

Este rexistro supón o mellor dato nestas vacacións durante a última década e a consolidación da recuperación da afluencia anterior á pandemia.

Das 1.982 visitas de 2013, pasouse a 3.480 en 2014; 1.509 en 2015; 756 persoas en 2016; 3.934 persoas en 2017; 3.873 persoas en 2018; 5.227 persoas en 2019 (o segundo mellor dato); ningunha en 2020 polo peche derivado da pandemia da COVID; 1.338 en 2021 e 4.190 en 2022 para superar outra vez amplamente a barreira dos cinco millares neste exercicio.

A nivel dos Edificios do Museo, as Ruínas de San Domingos foron as máis visitadas, con 4.109 persoas, unha cifra tamén moi superior á máis alta dos últimos sete anos, que foi en 2019 con 3.348 persoas.

Entraron nos edificios Sarmiento e Castelao un total de 1.279 persoas, unha cifra tamén extraordinaria. Os días de maior afluencia foron o sábado 8 con 1.658 visitas, seguido do martes con 935 persoas e o venres santo con 844.

En canto á procedencia das visitas individuais (aquelas persoas que entran no Museo fóra de grupos programados), o 93% é de ámbito estatal, chegando ao 79% os visitantes de dentro de Galicia (unha cifra que aumenta considerablemente fronte ao ano pasado, 899 fronte a 615 persoas) , seguidas de Madrid, País Vasco e Castela e León.

As persoas estranxeiras chegaron principalmente de Portugal (27%), México (12%) ou Guatemala (9%), ademais de dende Reino Unido, Alemaña, Arxentina ou Estados Unidos, pero tamén de lugares tan afastados como Ecuador, Senegal, Dubai ou Corea.

O vicepresidente César Mosquera valorou moi positivamente o feito de que cada vez sexan máis as persoas de contornas próximas que se achegan ao Museo de Pontevedra. Destacou que "calquera atractivo patrimonial que non sexa apreciado pola xente próxima é que está feble", polo que considerou que o alto número de persoas visitantes galegas (oito de cada dez) e en concreto da provincia (o 80% destas) supón "unha fortaleza": "É moi bo que cada vez máis xente de aquí queira visitar o Museo. Estamos nesa fase de querer consolidar as visitas próximas. O de fóra será unha fase posterior", subliñou.

Segundo o vicepresidente, o Museo "merece" o incremento de número de visitas está a vivir, xa que ao seu entender é "un activo importantísimo, o museo máis importante de toda Galiza e de entre os sete ou oito máis importantes no estado", polo que manifestou a súa esperanza de que "cada vez se aproveite máis".