O Museo suma á súa colección permanente unha sección sobre a Guerra Civil e o exilio en Galicia

Pontevedra
16 de xuño 2021

Catorce pezas de artistas coetáneos de Castelao integran a nova sección que acaba de estrear o Museo de Pontevedra. Todas elas son obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia que, ata o de agora, só se amosaran en diversas exposicións temporais

Sección do Museo de Pontevedra dedicada á Guerra Civil e ao exilio en Galicia Deputación de Pontevedra

Catorce pezas de artistas coetáneos de Castelao integran a nova sección que acaba de estrear o Museo de Pontevedra. Todas elas son obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia que, ata o de agora, só se amosaran en diversas exposicións temporais.

Con esta sección, o Museo pretende amosar unha visión máis global do impacto que a guerra e o réxime franquista tivo na produción de creadores galegos exiliados en América, truncando a súa traxectoria vital e evolución artística.

Os seus protagonistas son artistas ligados ideoloxicamente ao galeguismo, ao nacionalismo e á República cunha vivencia moi semellante á de Castelao, como Camilo Díaz, Federico Rivas, Arturo Souto e Uxío Souto, que foron asasinados, forzados a un longo exilio e impedidos de regresar ou obrigados a un asfixiante e represivo exilio interior.

A partir desta nova montaxe permanente, o Museo fará un percorrido temático relacionando as obras co Álbum de Guerra de Castelao -xa exposto dende 1981-. Tamén se vinculará con outras pezas de artistas que estiveron no exilio interior -como Maside ou Torres-, doutros exiliados da pintura española ou artistas que non sendo exiliados si marcharon fóra e tiveron relación con estes, amosando como viviron ese momento da historia. 

OBRAS QUE SE INCLÚEN NA COLECCIÓN

Seis das obras que forman parte desta sección son seis augadas do ilustrador vigués Federico Rivas, que amosan a represión na zona de Bueu. O golpe de Estado colleuno veraneando na vila do Morrazo e escapou a Portugal como xa fixera tamén Maruja Mallo.

Ese álbum de augadas é unha obra fantástica e moi relacionada con Castelao, xa que Rivas tíñao na Arxentina e deixoullo ao autor rianxeiro en depósito cando regresou nos anos 40 a España por non poder traelo. Incorporouse ao Museo entre o legado de Virxinia Pereira. 

De Arturo Souto exponse tamén un álbum de debuxos de guerra que publicou o Ministerio de Propaganda Republicano. Inclúese aquí unha peza que nin sequera se expuxera na expo antolóxica que se fixera en A Coruña e despois en Pontevedra a finais dos 90.

É un debuxo que estivo no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París co Guernica de Picasso e logo en Bruxelas. Trátase dunha acuarela, Bombardeo, que el publicara nunha revista e que foi adquirida anos despois polo Museo. 

Do cuntense Uxío Souto, ademais dalgunhas esculturas, estarán á vista do público dúas augadas que amosan a súa experiencia persoal ao final da contenda: a fuxida das persoas vencidas polos Pirineos e a visión atormentada dos republicanos confinados no campo de refuxiados francés de Barcarés no que el tamén estaba internado. 

Para dar a coñecer esta nova instalación, que se completará este xoves e xa poderá ser gozada polo público, realizarase un concerto de música exiliada o martes 29 de xuño ás 19.30 horas coincidindo co día seguinte ao aniversario da aprobación do Estatuto do 1936.