O Museo 'presume' de edificios nos seus novos folletos informativos

Pontevedra
21 de outubro 2021

En galego, castelán, inglés e francés. En papel ou en formato electrónico a través de códigos QR. É o xeito no que se presentan os novos folletos informativos que vén de editar o Museo de Pontevedra sobre os seus edificios

Novos folletos informativo do Museo Deputación de Pontevedra

En galego, castelán, inglés e francés. En papel ou en formato electrónico a través de códigos QR. É o xeito no que se presentan os novos folletos informativos que vén de editar o Museo de Pontevedra sobre os seus edificios.

Este material divulgativo estase a estrear nas accións de promoción turística que a Deputación está a realizar en Valencia e Madrid, nas que se busca potenciar o Museo como destino de público interesado no turismo cultural.

Como novidade, deseñouse un folleto xenérico sobre a historia do Museo cunha breve explicación de todos os edificios que conforman a institución: Edificio Castelao, Sarmiento, Fernández López, Castro Monteagudo, García Flórez e Ruínas de San Domingos.

Leva información práctica sobre a súa situación, horarios de acceso e datos de contacto.

Outro dos novos folletos é o destinado aos Edificios Castelao e Sarmiento. Nel explícase que, xunto ás Ruínas de San Domingos, son os únicos inmobles actualmente nestes momentos e fálase da súa estrutura, das coleccións permanentes e das visitas guiadas.

Estes novos folletos veñen a completar a actualización e reedición que se fixera o pasado mes de agosto do tríptico sobre as Ruínas de San Domingos, o máis antigo e máis visitado dos edificios da institución, que achega datos sobre a antiga igrexa e convento dominico.