O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha unha nova iniciativa cultural, 'EmprazArte', que se repetirá os últimos venres e sábados de cada mes ata o mes de setembro e estará aberta a toda a cidadanía. Trátase dun conxunto de concertos e contacontos ao aire libre na praza de acceso ao Edificio Castelao.
A actuación da autora e intérprete Silvia Penide inaugura esta serie de actuacións que se celebrarán sempre os venres ás 21 horas, mentres que a narración correrá de conta de 'Zona en obras', por parte de Brais das Hortas, que inicia o día 26 o ciclo de contacontos que terán lugar os sábados ás 12 do mediodía. Será precisa inscrición en reservas.museo@depo.es
SILVIA PENIDE
Silvia Penide conta a día de hoxe con sete traballos discográficos, de estilo pop acústico. Comezou a tocar a guitarra con 14 anos, e enseguida comezou a compoñer. Con continuos concertos por toda a Península e en salas de países como Croacia, Italia, Eslovenia,Portugal ou Alemaña, o universo particular de Penide nútrese dun cada vez maior número de seguidores fieis á súa proposta. Ten recibido boas críticas e mencións en publicacións como Mondo Sonoro ou Rolling Stone e compartido escenario con artistas da talla de Annie B. Sweet, Mäbu ou Mercedes Peón. Gañou ademais dúas veces o 'Premio Martín Códax da Música Galega' na categoría Pop/ Indie e na de canción de Autor/a, actuar no 'Festival da Luz' que amadriña Luz Casal.
BRAIS MÉNDEZ
No caso de 'Zona en obras' Brais Méndez promete un espectáculo interactiva de narración, música e monicreques para crianzas "que está sen acabar" e que contará cunha estada, tubos de antenista, unha guitarra eléctrica cun looper, unha batería cunha palangana e un caldeiro, ferramentas. "Malo será que entre todos non acabemos estas historias cheas de música e ritmo. Osos tristes, extraterrestres que viaxan en caldeiros de fregar, cans vagabundos que se converten en superstars...", asegura o autor.
XULLO, AGOSTO, SETEMBRO
A cita do mes de xullo será de contacontos o sábado 31 coa 'Trastenda dos contos' a cargo de Caxoto e non haberá espectáculo musical xa que coincide co ciclo 'Sons na Praza'.
Xa no mes de agosto o concertó será de Pablo Lesuit o día 27 e o sábado 28 o contacontos será de Raquel Queizás, 'Onda min'.
En setembro o día 24 actuarán 'Eladio y los seres queridos' en formato dúo e o contacontos o día 25 coa peza 'contos para dar e tomar'.
Por outra parte, a programación de actividades do Museo segue mañá martes 22 de xuño ás 19:30horas no edificio Castelao coa presentación do libro 'Anarquistas galegos en América', Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación 2020, de Bieito Alonso.