O Museo organiza unha mesa redonda sobre 'A Revista Nós: a romaría das palabras'

Pontevedra
23 de outubro 2020

O Museo de Pontevedra celebrará este mércores día 28 unha mesa redonda sobre 'A revista Nós: a romaría das palabras'. Trátase dun dos actos da programación prevista polo Museo e a institución provincial para a conmemoración do centenario da revista literaria que, estreitamente ligada a Pontevedra, pretendía elevar os usos orais da lingua galega

Revista Nós Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra celebrará este mércores día 28 unha mesa redonda sobre 'A revista Nós: a romaría das palabras'. Trátase dun dos actos da programación prevista polo Museo e a institución provincial para a conmemoración do centenario da revista literaria que, estreitamente ligada a Pontevedra, pretendía elevar os usos orais da lingua galega.

Para falar sobre esta revista, participarán o deseñador Pepe Barro, que estudou a composición e a imaxe comunicativa e publicou o libro 'Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza' o doutor en filoloxía e profesor Emilio Xosé Insua, autor entre outros do libro 'A nosa Terra é Nosa! A xeira das Irmandades da fala (1916-1931)' sobre a xeración de 1916; a profesora Patricia Arias Chachero, editora de parte do epistolario de Ramón Otero Pedrayo ('Cartas a nai') e das súas memorias ('Lembranzas do meu vivir'); e Miguel Anxo Seixas Seoane, autor do libro 'Castelao, construtor da nacion', do que acaba de saír o segundo tomo.

Para asistir á conferencia o mércores 28 ás 19:30 horas, e dada a existencia de restricións de aforo con motivo da covid-19 (30 persoas máximo), será precisa inscrición previa, que se poderá formalizar nas dependencias do Museo ou vía telefónica.

Lembrando a historia de 'Nós', en xuño de 1920 reuníanse en Pontevedra Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez, rematando coa idea de crear unha publicación que fixera un uso elevado da lingua galega e a achegara á alta cultura. Nacía así a revista Nós desde o nacionalismo e cunha clara vocación universal, propoñendo contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, e atraendo a colaboradores estranxeiros ás súas páxinas.

Foi o 30 de outubro de 1920 cando saíu ao público en Ourense a revista literaria Nós. "Dende o galego e dende a revista comtemplábase o mundo. A revista era a embaixadora da cultura galega en Galicia, en España, en Europa e en América. Nesa revista colaboraban amais autores de fóra e era a encrucillada para o intercambio de palabras, de imaxes e de ideas. Con esta revista ilustrada, os seus suplementos, e cos seus anucios a xeración de 1916 afirmaba a prosa, o ensaio e a comuicación en galego", explica o director do Museo de Pontevedra sobre a publicación.

Hai que lembrar que catro exemplares foron impresos en Pontevedra en 1923. Dende xullo de 1923 durante dous anos estivo interrompida e volveu rexurdir, en xullo de 1925, sendo amais de literaria agora mais etnográfica. A revista foi eliminada en xullo de 1936.

Ademais desta mesa redonda, o Museo de Pontevedra e a Deputación teñen previstas máis actividades que se desenvolverán ao longo deste ano e na primavera de próximo ano. Nestes momentos, moitas pezas e documentos do Museo, amais, forman da exposición 'Galicia de de Nós a nós', aberta na Cidade da Cultura, e que pechará en Pontevedra no mes de xullo de 2021.