O Museo organiza obradoiros para público adulto de introdución á cerámica e ao debuxo e a pintura

Pontevedra
30 de outubro 2023

O curso de debuxo e pintura desenvolverase os martes de novembro a xaneiro, mentres que o de cerámica terá unha quenda en novembro e outra en xaneiro A inscrición, gratuíta en ambos casos, abre o martes 31 de outubro ás 9:00 horas a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gala>

Unha persoa pintando un cadro Juan Mejuto

O Museo de Pontevedra ofrece nos vindeiros meses a oportunidade de que o público adulto se introduza en diferentes técnicas creativas coa colección do Museo como inspiración. Os martes de novembro a xaneiro, Antía Sánchez impartirá o curso práctico de debuxo e pintura 'Imos pintar ó museo', mentres que os mércores de novembro e os de xaneiro, será Nuria Figueiredo a responsable dun obradoiro de introdución á cerámica.

A inscrición en calquera das dúas propostas é gratuíta. O prazo para inscribirse abre o martes 31 de outubro ás 9:00 horas, escribindo a reservas.museo@depo.gal, indicando nome e apelidos e número de teléfono de contacto.

IMOS PINTAR Ó MUSEO

O curso práctico 'Imos pintar ó museo' desenvolverase ao longo de 12 sesións durante os meses de novembro e decembro de 2023 e xaneiro de 2024. Está dirixido a persoas adultas que se queiran iniciar no debuxo e a pintura. Desenvolverase os martes, con dúas quendas: de 17:00 a 18:30 horas ou de 18:30 a 20:00 horas.

O curso organízase en tres bloques. As sesións de novembro estarán dedicadas ao autorretrato. A partir da autocaricatura de Castelao, as persoas participantes aprenderán a debuxar rostro e corpo, viaxando desde a figuración á síntese dunha figura utilizando a liña e plano de cor.

As sesións de decembro partirán de obras de Laxeiro e Arturo Souto, para achegarse ás escenas de xénero, que enmarcan a xente común dentro de accións cotiás. As persoas participantes aprenderán a soltar a man explorando o trazo, composición e claroscuro e debuxo co carbón, o trapo, esfumado e goma.

Por último, en xaneiro a obra de Colmeiro será o punto de partida para introducirse na paisaxe e a cor, usando o pastel e empregando o círculo cromático para entender as relacións entre as cores e a composición cromática.

Impartirá o curso Antía Sánchez, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Como docente, desenvolveu diversos cursos e obradoiros de pintura e debuxo. Como artista, expuxo en Portugal, Finlandia e España.

OBRADOIRO DE CERÁMICA

O obradoiro de iniciación á cerámica, dirixido a persoas adultas, desenvolverase durante 4 sesións de 2 horas de duración, de 18:00 a 20:00 horas. Unha primeira quenda terá lugar no mes de novembro, mentres que a segunda será xa en xaneiro de 2024.

O obradoiro propón un primeiro achegamento á cerámica para público adulto. Durante catro sesións, as persoas participantes explorarán diferentes técnicas de construción, coñecerán os estados da arxila e descubrirán técnicas de decoración. Coceranse as pezas e veranse diferentes tipos de vidrados e decoracións con óxidos e pigmentos, para rematar cunha segunda cocción.

Impartirá o obradoiro a artista pontevedresa Nuria Figueiredo, licenciada en Belas Artes pola Universidad del País Vasco. Estudou cerámica artística na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Ademais de impartir obradoiros, como artista traballa nos campos da cerámica e a ilustración. En 2020 foi unha das gañadoras do certame Novos Valores.