O Museo invita á rapazada a personalizar as pezas da mostra "Debuxantas"

Pontevedra
09 de abril 2020

"Debuxantas, pioneiras da ilustración" foi unha das mostras organizadas polo Museo de Pontevedra que se viron afectadas pola crise do coronavirus. Pero, ante a posibilidade de que non se poida reprogramar, está a ter unha segunda vida a través da internet

Material da actividade 'Colorea con Debuxantas' Deputación de Pontevedra

"Debuxantas, pioneiras da ilustración" foi unha das mostras organizadas polo Museo de Pontevedra que se viron afectadas pola crise do coronavirus. Pero, ante a posibilidade de que non se poida reprogramar, está a ter unha segunda vida a través da internet.

A partir deste mércores, a páxina web do Museo difundirá unha iniciativa para que a rapazada coñeza máis fondamente a algunhas das autoras da exposición e mesmo transforme pezas da mostra de maneira personalizada. 

A proposta, enmarcada dentro da iniciativa O Museo en Familia, consiste en facer diversas manualidades con varias das ilustracións que estes días colgan nas salas do Museo sen que ninguén as poida visitar presencialmente.

A primeira actividade é crear portalapis ou caixas personalizadas con debuxos de tres ilustradoras (a.t.c., Viera Sparza e Xelia) con materiais sinxelos. Para iso, é preciso imprimir os modelos, colorealos, recortar a silueta e dobrar as pestanas para despois encolalas e unilas. 

Por outra banda, tamén se propón achegar á casa dúas pezas da ilustradora Ana María Badell Lapetra para darlle vida coloreándoas con colores propios diferentes ás da creadora.

A exposición "Debuxantas, pioneiras da ilustración" exposta no Museo de Pontevedra contén 136 obras de 40 mulleres artistas que traballaron para a revista Blanco y Negro e ABC dende a súa fundación en 1891 ata 1903, respectivamente, ata finais dos anos 90 do século pasado.  

A pesares dos contactos da dirección do Museo para poder prolongar a mostra máis alá da súa data de peche inicial en Pontevedra -o 17 de maio- o máis probable é que non sexa posible.

Xa existen outros destinos previstos para a exposición noutras localidades a partir de finais de maio e todo indica que a situación de confinamento obrigará a realizar unha apertura paulatina dos espazos públicos, o que impediría unha ampliación para o público da cidade do Lérez.