O Museo de Pontevedra reabrirá prorrogando as exposicións de 'Leopoldo Novoa' e 'Debuxantas'

Pontevedra
09 de maio 2020

A dirección do Museo acordou cos propietarios e depositarios a permanencia das mostras, xa que apenas puideran ser visitadas polo público 

Inauguración da exposición dedicada a Leopoldo Nóvoa no Museo Cristina Saiz

As exposicións que estaban vixentes no Museo de Pontevedra o pasado 12 de marzo, cando a Covid-19 obrigou ao seu peche, seguirán sendo protagonistas na reapertura.

Trátase das mostras'Leopoldo Nóvoa 1919-2019', e 'Debuxantas. Pioneiras da ilustración', que apenas estivo unhas horas aberta ao público.

Agora, tras semanas de trámites, acordouse cos propietarios e depositarios de todas as pezas a permanencia das dúas exposicións en Pontevedra ata o 30 de agosto.

A extensión no tempo das exposicións no Museo foi negociada coas persoas e entidades propietarias e depositarias.

No caso de ‘Leopoldo Nóvoa 1919-2019’ contouse coa colaboración de Sabela Nóvoa e Mercedes Bragante Nóvoa -filla e sobriña de Nóvoa-, José Blanco, Sofía Santos, Adolfo Sobrino, Víctor Montenegro, o Centro Galego de Arte Contemporánea, Colección BBVA, Colección ABANCA, Fundación Barrié, Fundación Luís Seoane e o Museo de Belas Artes da Coruña.

No caso de 'Debuxantas' inicialmente expuxéronse dificultades ao estar planificada noutra localidade que, ante a imposibilidade de celebración nas datas previstas pola prohibición de traslados interprovinciais, cancelou e permitiu a ampliación en Pontevedra.

Segundo explica o director da institución museística, Xosé Manuel Rey, están practicamente preparados para a reapertura, que se levará a cabo tan pronto se autorice por parte das autoridades ao chegar á fase 2 da  desescalada, o 25 de maio se non existen complicacións.

A volta realizarase en todo caso cumprindo as garantías sanitarias, con control de aforo e de temperatura aos visitantes entre outras medidas.