O Museo de Pontevedra presenta unha "ilusionante" programación para 2024 con dez exposicións

Pontevedra
17 de xaneiro 2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve presentaron este mércores a "ilusionante" programación da institución museística para este ano 2024 que ten "unha grande calidade" e que xira arredor de seis liñas de traballo fundamentais  

Rafa Domínguez e Ángeles Tilve Mónica Patxot

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve presentaron este mércores a "ilusionante" programación da institución museística para este ano 2024 que ten "unha grande calidade", segundo destacaron.

Rafa Domínguez enxalzou "o valioso equipo de traballo do Museo" e remarcou que "a programación deseñada para este ano nos permitirá elevar o Museo a un nivel nunca antes alcanzado".

Segundo explicou Ángeles Tilve, esta programación xira arredor de seis liñas de traballo fundamentais: por unha banda está a investigación, mellora do coñecemento e posta en valor da colección. Tamén está a colaboración con outros museos e institucións galegas, españolas e internacionais.

Outro eixo de traballo é a intervención nos temas de debate do pensamento contemporáneo y tamén a difusión da colección do Museo, de artistas de Pontevedra e de Galicia e apoio á produción de artistas novos. E, por último, a transferencia á sociedade do coñecemento científico xerado polo Museo e a apertura á cidadanía da programación do Museo, con actividades enfocadas a todo tipo de públicos. 

Para este ano hai dez proxectos expositivos previstos que destacan pola vinculación dos fondos do Museo á creación contemporánea e tamén pola conexión entre o programa expositivo e a programación didáctica e de conferencias e seminarios.

Para o vindeiro mes de marzo anúncianse dúas exposicións. Por unha banda, "Os arquivos iluminados de Berta Cáccamo", comisariada por Juan De Nieves. Trátase dun percorrido retrospectivo pola obra de Berta Cáccamo e os seus vínculos cos seus rexistros de arquivo. Un proxecto que leva aparellada a doazón do seu arquivo ao Museo de Pontevedra. E tamén "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías", comisariada por Xosé Enrique Acuña. É unha mostra que conmemora o 40 aniversario da chegada desde Arxentina dos restos mortais de Castelao. Artéllase arredor da reportaxe fotográfica de Xan Carballa sobre ese gran momento histórico, un testemuño excepcional dentro da fotografía documental galega de finais do século XX. 

En xuño chegará "A Era das Fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía", un proxecto do Museo de Pontevedra co asesoramento de Chus Martínez e Susana González. Será unha exposición en tres actos que vincula a colección de arte Fundación María José Jove cos fondos do Museo de Pontevedra, á que se sumarán artistas contemporáneos doutras coleccións privadas. Baixo os epígrafes 'Acto I. Imaxinación-mar' 'Acto Transformación-terra' e 'Acto I11. Renacemento-aire', amosaranse obras de Maruja Mallo, Vasili Kandinsky, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Jorge Barbi, Noa e Lara Castro, entre outros.

Tamén esta programada para este ano "Infiltracións. Diálogos coa colección do Museo", un proxecto comisariado por Iñaki Martínez Antelo que ten vocación de continuidade. Cada ano, dous artistas actuais serán convidados a presentar as súas obras en diálogo coa colección permanente ou noutros espazos do Museo, como un xeito de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegar ao Museo distintos públicos. Nesta ocasión será Mónica Alonso e Alberto Baraya.

Para outubro-novembro chegará unha nova edición do certame Novos Valores 2024 que, segundo adiantou Ángeles Tilve, "será reformulado para darlle un novo impulso".

No mes de xullo está prevista a exposición "Pinturas negras", comisariada por Ignacio Pérez-Jofre e Sandra MG. Coa serie de Goya como referencia, nesta mostra explóranse as posibilidades formais e simbólicas do negro. Graduados e docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra presentarán obras de diferentes disciplinas con esta cor como protagonista.

En setembro chegará "O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo", comisariada por Erea Castro Alfonso. Con motivo da celebración da Congreso Nacional de Numismática, o Museo exhibe pezas dun dos seus fondos máis importantes, a Colección Blanco Cicerón. Unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega.

"José Otero Baena, un pintor sen pinceis" é outra das exposicións programadas para o mes de outubro. Comisariada por Beatriz De San Ildefonso esta mostra recolle o traballo de Otero Baena que substituíu o pincel pola espátula para reflectir a paisaxe de Bueu, principalmente o mar e as escenas de pesca, distorsionadas conscientemente a través da luz e a cor.

A última exposición programada chegará no mes de noviembre e está adicada a "Acisclo Manzano". Comisariada por Beatriz De San Ildefonso exhibirá un conxunto de obras significativas da traxectoria do escultor ourensán, membro do grupo "O'Volter"; desde o expresionismo figurativo das súas primeiras tallas en madeira ao traballo con outros materiais como a cerámica.

A directora do Museo tamén adiantou unha parte das xornadas e seminarios previstos para este ano cunha programación que "aposta pola investigación propia e externa" e tamén pola "mellora do coñecemento científico sobre os fondos do Museo" a través da investigación integrada en redes nacionais é internacionais ademáis da vinculación do programa expositivo e de publicacións e con poñentes de relevancia e sobre debates vixentes na sociedade.

Estas xornadas porán o foco nos temas transversais de investigación no Museo como é a historia do Museo e das súas coleccións; Castelao; arte galega en América; a perspectiva feminista; novas narrativas nos museos do século XXI ou a Guerra, represión, migracións e exilio.

Algunhas destas propostas son o Seminario 'Historias de mulleres: arte, canon e outras historias da arte' o Ciclo de conferencias sobre a Semana Santa; o Simposio sobre Antonio Palacios; o Seminario 'Legados de artistas. Ferramentas para a investigación do Museo' a Xornada "Arredor dun feito histórico. O retorno de Castelao a Galicia, xuño de 1984"; a X Xornadas de Exiptoloxía; o XVII Congreso Nacional de Numismática; o XIII Encontro de Conservación e Restauración; o Seminario sobre relixiosidade popular: exvotos e outras ofrendas, ou as Xornadas de Eduación Patrimonial, entre outras das propostas das que se deron conta.

Por último, Ángeles Tilve falou da faceta didáctica e de acción cultural do Museo que seguirá a ofrecer os cursos para público adulto: "A moda a través da historia da arte" e a "Historia da música". Ademáis dos obradoiros para público infantil no Entroido, Semana Santa, Verán, Feira Franco ou o Nadal.

Tamén continúa a programación musical con: "Contrapuntos. Música e exilio", "Ciclo de Música Antiga" e as colaboracións con outras entidades e conmemoraránse datas como o Día Internacional dos Museos, o Día da Muller ou a Semana Lorquiana e tamén a programación musical.