O Museo de Pontevedra participa nun proxecto para mellorar a forma de impartir a materia de historia

Pontevedra
11 de novembro 2022

A iniciativa, impulsada xunto con varias universidades, museos e arquivos de todo o Estado, foi unha das doce do ámbito educativo recoñecidos no Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación

Edificios históricos do Museo de Pontevedra Terras de Pontevedra

O proxecto ‘Ensinanza da historia e difusión do patrimonio cultural. Transferencia de investigacións sobre formación do profesorado, recursos dixitais e métodos activos’, no que participa o Museo de Pontevedra, é un dos 12 proxectos do ámbito educativo seleccionados na convocatoria de axudas a proxectos de ‘proba de concepto’ 2022 aberta polo Ministerio de Ciencia e Investigación dentro do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación.

Esta convocatoria ten por finalidade financiar proxectos que aceleren a transferencia de coñecemento de proxectos de investigación en forma de produtos, bens, servizos ou outras aplicacións beneficiosas para a sociedade. 

O Museo de Pontevedra participa neste proxecto que encabeza o profesor Cosme Gómez Carrasco, da Universidade de Murcia, que vén de participar nas II Xornadas de Museos e Educación Patrimonial organizados polo Museo.

O equipo de traballo inclúe tamén outros museos como o Museo Arqueológico Nacional, o Museo do Pobo Galego, o MARQ Museo Arqueológico de Alicante, o Museo Nacional de Arqueología Subacuática e a Rede Museolóxica de Lugo, ademais do Archivo de Euskadi e as universidades de Almería, Granada, Castilla-La Mancha, Santiago de Compostela, La Laguna e Valladolid. 

O proxecto iniciarase o 1 de xaneiro de 2023 e desenvolverase ata decembro de 2024. O obxectivo é transferir aos ámbitos da educación non universitaria e aos programas didácticos de museos e arquivos os resultados das investigacións levadas a cabo polo grupo impulsor.

Deste xeito, preténdese actualizar os materiais didácticos e impulsar propostas de ensinanza baseadas en competencias de pensamento histórico, recursos dixitais e métodos activos, comprobando a súa influencia na mellora da motivación, satisfacción e aprendizaxe do alumnado.

Partindo destes resultados previos, o proxecto desenvolverá unha proba de concepto experimental co profesorado en activo que imparte contidos de Historia en Primaria e Secundaria. Isto farase mediante a formación permanente do profesorado e tamén mediante o deseño conxunto con arquivos e museos, entre eles o de Pontevedra, de propostas didácticas que se aplicarán nas visitas de escolares.