O Museo de Pontevedra estreita lazos co Prado

Pontevedra
27 de xaneiro 2024

O vicepresidente provincial e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo unha xuntanza co coordinador xeral de Conservación do Museo Nacional del Prado para afondar no intercambio de obras de arte e en proxectos de conservación e restauración

Rafa Domínguez co coordinador xeral de Conservación do Museo Nacional del Prado Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e deputado delegado do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, vén de reunirse co coordinador xeral de Conservación do Museo do Prado, Víctor Manuel Cageao, para fortalecer os lazos entre ambas as dúas institucións museísticas.

Domínguez expresou no encontro o seu agradecemento polo recente depósito dunha obra de Eliseo Meifén, 'Oraciones (Pontevedra)', que incrementa o conxunto de pezas das coleccións do Museo do Prado que actualmente se atopan depositadas en Pontevedra.

Esta colección componse a día de hoxe de 75 pezas, algunhas delas cedida desde o ano 1929, cando se inaugurou o museo pontevedrés.  

O responsable provincial manifestou ademais o interese en continuar mantendo a colaboración técnica en materia de conservación e restauración, así como as estadías de formación para o persoal no Museo Nacional do Prado que, como centro de referencia internacional, permite mellorar as competencias e capacitación para a xestión e coidado das coleccións do Museo de Pontevedra.

O vicepresidente provincial trasladou por último o seu desexo de que o Museo de Pontevedra poida acoller nas súas sedes a itinerancia dalgunhas das próximas exposicións temporais do Prado que, pola súa relevancia, supoñerían un gran atractivo para o público a cidadanía pontevedresa.