O Museo de Pontevedra retoma os concertos ao aire libre que Sons no Arco viña ofrecendo os anos anteriores, pero cunha localización e proposta diferente. Trátase de 'Percu-Sons', unha iniciativa que incluirá as actuacións na praza do edificio Castelao de Odaiko e a cantante Vanesa Muela o día 16, e de Kendrah o 23 de xullo, ás 21:00 horas.
Serán propostas, pois, de percusións e voz, de estilos diferentes, pero centradas na actualización da tradición, nutrida da multiculturalidade. Aínda que a entrada é gratuíta, as persoas interesadas en asistir deberán enviar un correo electrónico a reservas.museo@depo.es, xa que a capacidade está limitada polas restricións sanitarias.
'Percu-Sons' estrearase o vindeiro venres coa formación galega Odaiko, que conta nesta ocasión coa colaboración da prestixiosa cantante Vanesa Muela, artista cunha longa carreira que a convirte nunha das voces de referencia no panorama da música española.
Pola súa banda, o 23 de xullo será Kendrah quen achegue á praza do edificio Castelao un programa integrado por composicións orixinais de Adrián Saaveda, que unen as tradicións musicais de Galicia, África e o Brasil, a través de ritmos, letras e melodías que beben destas tres fontes, para crear un estilo propio e orixinal: o batuke galego.