O Museo de Pontevedra dá un salto ao mundo virtual

Pontevedra
28 de xullo 2022

O Museo de Pontevedra dá un salto ao mundo virtual coa súa nova páxina web que permitirá aos internautas visitar os edificios Castelao e Sarmiento pararse fronte unha obra de arte e coñecer, ao instante, toda a información sobre o seu autor, a técnica utilizada, o simbolismo e ata o contexto histórico

Presentación da nova web do Museo de Pontevedra PontevedraViva

O Museo de Pontevedra dá un salto ao mundo virtual coa súa nova páxina web que permitirá aos internautas visitar os edificios Castelao e Sarmiento pararse fronte unha obra de arte e coñecer, ao instante, toda a información sobre o seu autor, a técnica utilizada, o simbolismo e ata o contexto histórico. 

Esta é a tecnoloxía que aplicou a empresa española Madpixel, especializada na dixitalización de obras, coa súa plataforma Second Canvas, unha innovadora ferramenta multidispositivo para interactuar coas obras de arte en ultra-alta definición que permite realizar zoom cuns niveis de detalle e calidade imposibles de percibir para o ollo humano doutra forma.

Nuns días, o Museo de Pontevedra ofrecerá estas visitas virtuais con imaxes en alta resolución das súas obras e enriquecidas con "storytelling" e datos adicionais que axuden aos visitantes para interpretalas e gozalas en maior profundidade.

Eses escasos minutos que unha persoa pasa na galería mirando unha obra de arte, con esta aplicación multiplícanse xa que pode explorar cada centímetro da obra de arte ao seu propio ritmo, o que lle permitirá comprender mellor como se creou e cada detalle que incluíu o artista.

Segundo explicaron o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, esta nova ferramenta permitirá a calquera colexio utilizar este material en clase para achegar aos alumnos á arte a través de historias e detalles das obras. Pero non só aos de Pontevedra, está aberta ao mundo polo que o Museo poderá alcanzar novas audiencias remotas.

Ofrécese unha visita "aumentada" que complementa a experiencia física e ademais mellora a interpretación e o coñecemento das obras visitadas. Tamén servirá ás áreas de conservación e documentación do Museo.

Esta tecnoloxía foi desenvolta por Madpixel (The Mad Pixel Factory) que é unha empresa española especializada en solucións dixitais para museos e institucións xestoras de patrimonio artístico.