O Museo de Pontevedra organiza dous obradoiros para alumnado de centros escolares e unha visita guiada aberta ao público, nos que se lembrará a Francisco Fernández del Riego, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
As actividades polas Letras Galegas no Museo –que se suman ás que presentará o vindeiro venres o departamento de Lingua da Deputación- adiántanse a esta semana.
Polo Correo do Vento coordina dúas propostas nas que buscan dar a coñecer a todos os públicos a figura de Paco del Riego, intelectual galeguista cunha intensa relación coa arte galega e os artistas do país do pasado século.
Este mércores día 3 e o venres 5 de maio pola mañá celebraranse obradoiros no Edificio Castelao dirixidos a alumnado de varios centros escolares.
O sábado 6 de maio ás 12 horas realizarase unha visita guiada ás salas da exposición permanente no Edificio Castelao, centrada na arte galega do século XX e en especial nos artistas cos que Del Riego tivo moita relación ao longo da súa vida: Castelao, Laxeiro, Julia Minguillón, Urbano Lugrís... A visita guiada está dirixida a público adulto. A inscrición á vista pode facerse escribindo a polocorreodovento@hotmail.com.