O humorista Luís Piedrahita será o artista invitado para amenizar a décima edición da gala benéfica promovida pola Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outra demencias de Pontevedra (AFAPO) con motivo do Día Mundial do Alzhéimer.
Será o vindeiro venres 22 de setembro, ás 21:00 horas, no auditorio de Afundación. Alí presentará o seu último espectáculo, Es mi palabra contra la mía.
As entradas están xa á venda en Ataquilla.com e a recadación irá integramente destinada a beneficio da asociación.
Es mi palabra contra la mía é un show de humor, enxeño e tenrura co que o artista quere demostrar, unha vez máis, que "só o humor fai a vida máis soportable".
No seu novo monólogo, Luís Piedrahita analiza por que ninguén está contento co que lle tocou, sacando a relucir os aspectos máis absurdos da rutina do día a día.
"Son temas de fondo calado existencial como o medo ao váter alleo ou o amor verdadeiro. Profundas reflexións de voo galiñáceo e improvisacións meticulosamente ensaiadas", explica o propio cómico coruñés.
Luís Piedrahita é humorista, ilusionista, escritor e director de cinema. Coñecido principalmente pola súa presenza en televisión e radio, é colaborador e guionista de El Hormiguero e saltou á popularidade tras a súa participación en El club de la comedia.
Desenvolveu, en coprodución co Teatro Real de Madrid, dous espectáculos musicais para nenos e dous contos sinfónicos escritos,. Como cineasta escribiu e dirixiu, xunto a Rodrigo Sopeña, La habitación de Fermat e é autor de sete best sellers de humor e un libro infantil.