O Grove celebrará unha nova edición do premio 'Manuel Lueiro Rey' para promover a escrita en galego

O Salnés
13 de marzo 2020

O concurso, que se ven celebrando no Concello de O Grove desde o ano 1992, ten como obxectivo honrar a vida do escritor e xornalista Manuel Lueiro Rey. Os textos poden presentarse ata o 15 de setembro de 2020 e a obra gañadora recibirá un premio de 3.000 euros, ademais da súa publicación en Edicións Xerais de Galicia

O escritor Manuel Lueiro Rey Editorial Xerais

O Concello do Grove, xunto coa colaboración da Deputación de Pontevedra, convocou a vixésimo sétima edición do Premio de novela curta 'Manuel Lueiro Rey', que se ven celebrando en territorio meco desde o ano 1992. Esta semana comezaranse a distribuír as bases por toda a xeografía galega e en entidades como concellos, bibliotecas, casas de cultura, institutos de ensino secundaria, asociacións de escritores en lingua galega, editoriais e medios de comunicación.

O obxectivo desta iniciativa é honrar a vida e obra do escritor e xornalista Manuel Lueiro, pertencente a Xeración do 36 e que pasou parte da súa vida no Concello do Grove. Ademais, con este concurso preténdese promover a escrita en lingua galega e divulgar entre a cidadanía os autores galegos. A obra gañadora recibirá un premio de 3.000 euros, e tamén a súa publicación en Edicións Xerais de Galicia. 

Para participar, os interesados deben presentar o seu texto en lingua galega. As bases do concurso pódense consultar na páxina web do Concello de O Grove. O prazo límite para a entrega dos escritos é o 15 de setembro de 2020. Os textos deberán de ter unha extensión mínima de cincuenta páxinas e máxima de cen, en folio din A4, de aproximadamente 2.500 caracteres cada páxina, espazamento entre liñas de 1,5 e as follas deberán de estar paxinadas. 

O xurado estará composto por cinco persoas, unha delas será o gañador da última edición do premio, Ignacio Vidal Portabales, pola obra Lara e Sabela, e os outros catro compoñentes serán especialistas en literatura e crítica literaria. O premio único outorgarase por maioría simple de votos.