Este xoves presentarase a banda deseñada sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán, o autor ao que este ano se dedican as Letras Galegas. A obra, promovida polos departamentos de Lingua e Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, busca achegar a obra do poeta.
Este traballo foi elaborado por estudantes e persoal do Garaxe Hermético, a escola de ilustración que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra. A presentación realizarase a partir das 19.00 horas do xoves 12 de maio no Pazo Provincial e as persoas que acudan recibirán un exemplar gratuíto.
Durante o acto tamén se desenvolverá unha mesa redonda baixo o título 'O retorno de Florencio Delgado urriarán', coa participación de Miro Villar, Tamara Andrés e Ricardo uirriarán. Durante o evento interpretaranse poemas do autor musicados por Shelia Patricia.
O traballo ilustrado foi guionizado por Fernando Llor, con rotulación de textos a cargo de Fernando Iglesias e con Zaida Novoa, Pablo Prado, Miriam Iglesias, Damián Gómez, Eli García, Jorge Fernández, Chano Ripio, Iria Aldegunde, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Fonso Barreiro y Mara Méndez como autores das ilustracións baixo a coordinación de Kiko da Silva.
Neste libro, segundo explicou Da Silva, o protagonismo corresponde á xente nova representada en tres mozas que deben entregar un traballo sobre o escritor e van descubrindo con sorpresa a vida e obra de Delgado Gurriarán, persoa comprometida coa terra e que participou nas guerrillas e na loita antifascista. A obra recolle escenas "duras" da Guerra Civil contadas con "elegancia". Ademais, empréganse tratamentos gráficos diferentes nos saltos temporais que se presentan ao longo das páxinas.
Para asistir a este acto é necesario inscribirse na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar a capacidade do espazo.