O gaiteiro Óscar Ibáñez estará en Poio coa súa xira de aniversario Tribal XX

Poio
30 de xullo 2024

O concerto gratuíto será o sábado 10 de agosto no adro da parroquia de San Salvador

Presentación do concerto de Óscar Ibáñez en San Salvador de Poio Concello de Poio

Tribal XX é o nome da xira coa que o gaiteiro Óscar Ibáñez está a ofrecer unha serie de concertos para celebrar os seus vinte anos no panorama musical do folk galego. Dáse a circunstancia que sendo oriúndo do lugar de Portosanto, será a primeira vez que actúe nas festas da súa parroquia natal.

Será o sábado 10 de agosto, ás 21.00 horas, con entrada de balde no Adro da Igrexa de San Salvador.

Así o artista afirma que está "moi ilusionado e moi agradecido pola confianza e por esta oportunidade de facer realidade este concerto tan desexado".

Nesta xira, mestúranse novas creacións con temas de traballos anteriores. Os músicos que lle acompañan son Suso Iglesias ao acordeón; Paula Gómez ao violín; Xosé Liz ao bouzouki; Paco Dicenta ao baixo; Leandro Deltell na batería e a percusión; Teresa Gómez coa zanfona e Carla Villanueva ao xilófono.

Ademais engadiranse seis gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son.

O Concello de Poio, a Asociación de San Salvador e a Xunta colaboran na organización deste concerto, que se inclúe na programación estival que o Concello leva ás parroquias do municipio.

Este programa trae para este mesmo xoves, 1 de agosto, á orquestra Combo Dominicano a Samieira co seu último espectáculo Adrenalina Tours. Será no campo de fútbol Río do Boi a partir das 23.00 horas, con entrada gratuíta. Con tal motivo van habilitar aparcamentos disuasorios sinalizados.