A Fundación Cidade da Cultura presentou este sábado no Culturgal, a feira das industrias creativas, un avance da súa programación de inverno, na que os máis pequenos da casa terán un papel destacado, especialmente nos meses do Nadal.
Obradoiros creativos, cinema e unha grande árbore de Nadal para decorar en común sobresaen entre as actividades se poderán gozar no Gaiás.
O Museo Centro Gaiás transformarase nunha auténtica Cidade do Nadal que abrirá as súas portas na tarde do 14 de decembro co acendido das luces que este ano iluminarán tanto o interior do museo como o exterior do Gaiás. Un camiño de luz inspirado nun ceo cargado de estrelas e constelacións que guiará aos visitantes desde a Biblioteca e o Centro de Emprendemento ata o museo.
A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, convidou aos asistentes á feira en Pontevedra a achegarse ese día ao Gaiás e gozar dunha programación aberta a toda a cidadanía e pensada para vivirse en familia.
No interior do Museo, un escenario recreará con rúas, prazas e casas unha vila inspirada nos nadais de diferentes épocas, onde os máis pequenos da casa aprenderán a facer adornos con materiais accesibles e naturais. Estes obradoiros están pensados para alimentar a súa creatividade, fomentando o emprego de decoracións artesanais e únicas coas que engalanar os seus fogares e a árbore da Cidade do Nadal. A cativada que se achegou ao Culturgal o sábado pola mañá puido crear xa adornos feitos con froitas propias do outono e do inverno.
Na Cidade do Nadal haberá, ademais, talleres de ilustración nos que os nenos e nenas traballarán a cor sobre un debuxo do artista vigués Federico Fernández. A través desta viaxe ilustrada, que irá medrando co paso dos días, haberá un percorrido polo Nadal ao redor do mundo. Unha exposición fotográfica sobre as festas da luz servirá tamén para coñecer como celebran estas datas noutras culturas afastadas e achegadas á vez.
A programación da Cidade do Nadal complétase co tradicional concurso infantil de postais, dirixido a cativos ata os 9 anos, e cun espectáculo para recibir o novo ano o día 3 de xaneiro na Cidade da Cultura, que será anunciado proximamente.
O CINEMA MIÚDO REGRESA AO GAIÁS
No mes de xaneiro a programación continúa cunha nova edición de Pequefilmes, o festival de cinema que traerá ao Gaiás as mellores producións internacionais pensadas para o público máis miúdo. Pequefilmes celebrarase na fin de semana do 26 e 27 de xaneiro e contará con traballos seleccionados nos principais festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación, ademais dunha escola de cinema onde as familias poderán aprender técnicas e conceptos do audiovisual para divertirse creando xuntas pequenas películas.
Os nenos serán espectadores e xuíces neste festival, xa que a súa ollada crítica terase en conta á hora de conceder os premios ás mellores curtas exhibidas. Aquelas que foron premiadas na pasada edición de Pequefilmes puidéronse ver este sábado no espazo audiovisual do Culturgal.
EXPOSICIÓNS E TEATRO
As novidades da programación cultural do Gaiás para os próximos meses inclúen tamén a quinta edición de Escenas do Cambio, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción, que decorrerá entre os días 7 e 16 de febreiro e a exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, unha mostra que mestura a forza creativa da artesanía galega coa vangarda máis actual e que abrirá as súas portas no mes de marzo.