O filme 'Nación' sobre as traballadoras da Pontesa proxectarase o venres no Teatro Principal previa reserva de praza

Pontevedra
18 de novembro 2020

As persoas interesadas en acudir á proxección debéran apuntarse a partir das 10.00 horas da mañá deste xoves 19 de novembro no teléfono 986852271 ou no enderezo electrónico  inscricions@pontevedra.eu

Escena da película "Nación" de Margarita Ledo Nós Cinema

O 'Mes da Memoria' que se está a conmemorar en Pontevedra en novembro incluirá este venres 20 de novembro a proxección do filme Nación, realizado por Margarita Ledo sobre as traballadoras da Pontesa. Será no Teatro Principal previa reserva por mor das restricións derivadas da pandemia da covid-19. 

As persoas interesadas en acudir á proxección debéran apuntarse a partir das 10.00 horas da mañá deste xoves 19 de novembro no teléfono 986852271 ou no enderezo electrónico inscricions@pontevedra.eu.

Por mor das restricións vixentes en Pontevedra, só hai 25 prazas dispoñibles para o público, que se adxudicarán por estrita orde de entrada da solicitude. Cada persoa poderá reservar un máximo de 2 butacas e indicar, á hora de inscribirse, o nome, apelidos e teléfono de contacto.

A proxección está programada para as 20.00 horas e contará coa presenza da propia directora, Margarita Ledo, que se encargará de presentar o filme, que nos últimos días foi premiada no Festival de Sevilla, o lugar onde se produciu a súa estrea oficial.

O xurado da décimo sétima edición do certame recoñeceu a súa directora, Margarita Ledo, elixindo o seu traballo como merecedor do galardón especial á mellor dirección dun filme cuxa estrea nacional se producira neste festival.

Nación foi rodada en Ponte Sampaio e versa sobre a loita das mulleres que traballaron na fábrica de louza A Pontesa, en activo entre 1961 e 2001. Narran este período que atravesa mudanzas políticas e do sistema económico desde a óptica das dificultades das mulleres no acceso ao traballo asalariado.

O 'Mes da Memoria' rematará a vindeira semana coa inauguración dun panel explicativo sobre Josefina Arruti na rúa que leva o seu nome, e coa presentación no Culturgal dun cómic sobre a súa vida, realizado por Kiko Dasilva e titulado Os berros da motocicleta.