O FICBUEU máis social: como premio, unha cerámica elaborada por internos do cárcere da Lama

Bueu
29 de agosto 2019

Todas as curtas que resulten galardoadas durante este FICBUEU 2019 levarán para a casa un trofeo moi especial: cerámicas realizadas polos internos do cárcere pontevedresa. A medida supón que o traballo dos internos deste centro penitenciario chegarán alén dos mares, dada a proxección internacional do festival

Cerámicas elaboradas polos internos do centro penitenciario da Lama FICBUEU

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) afonda este ano na súa vertente social, que vai en aumento ano tras ano desde a súa posta en marcha en 2016. Este 2019, na súa duodécima edición, conta coa colaboración dun novo colectivo social nunha liña de traballo que pretende contribuír ao cumprimento do artigo 25.2 da Constitución Española, que establece que as penas privativas de liberdade"estarán orientadas cara á reeducación e reinserción social". Levan meses facilitando esa reinserción con actividades no centro penitenciario da Lama e agora a súa presenza terá deixará pegada no propio festival. 

Así, todas as curtas que resulten galardoadas durante este FICBUEU 2019 -que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro- levarán para a casa un trofeo moi especial: cerámicas realizadas polos internos do cárcere pontevedresa. As cintas gañadoras levarán as tradicionais anforiñas e todas as que teñan algún galardón recibirán estas cerámicas. A medida supón que o traballo dos internos deste centro penitenciario chegarán alén dos mares, pois cada ano resultan premiadas pezas audiovisuais de diferentes países. 

Estas cerámicas son reflexo do compromiso social do FICBUEU, que no caso do centro penitenciario da Lama comezou meses atrás a través dunha serie de cinefórums desenvolvidos no propio penal para máis de cen internos. En total, segundo a información facilitada por Manuel Pena, director do festival, houbo dez proxeccións, de maneira que máis de 1.000 persoas de distintos módulos asistiron ás sesións. 

O equipo do FICBUEU desprázase unha vez ao mes ata A Lama para proxectar distintas curtas que pasaron polo festival. A iniciativa empezou co módulo 2 e foise abrindo ao resto do centro ata que finalmente cada mes máis de cen internos acudiron ás sesións e participaron nun coloquio posterior, achegando as súas impresións sobre a temática principal.

O obxectivo desta colaboración é compartir experiencias e mesmo debater sobre problemáticas que forman parte do día a día na prisión e, coa nova liña de traballo das cerámicas, Manuel Pena explica que buscan "darlle oportunidades e visibilidade"

Segundo explicou, os internos amósanse moi "orgullosos" e "emocionados" co feito de que os seus traballos acaben tendo proxección internacional e os organizadores do festival están por un lado, "sorprendidos" e, por outro, "contentos co resultado", pois as pezas están feitas á man e son "artesanalmente un traballo moi ben realizado".

Ademais, están "encantados de que a parte social do festival vaia incrementando as súas patas" e de poder contribuír a que os internos do centro penitenciario poidan desenvolverse a través do cinema e poñer un pé fóra do penal a través deste tipo de actividades. A intención de Pena é manter esa colaboración para o próximo curso e mesmo aumentala e baralla a realización dun obradoiro de curtametraxes, se ben aínda non hai nada decidido. 

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu estreou en 2016 unha Área Social desde a que contribuír ao desenvolvemento social e cultural da contorna, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade. A iniciativa foi medrando grazas ao apoio da Obra Social La Caixa e hoxe conta xa con seis liñas de actuación que permiten a diversos colectivos gozar dos efectos beneficiosos do cinema.