O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) decidiu excluír do certame a calquera filme que fora financiado por Israel ou por entidades públicas e privadas que apoien o "xenocidio do pobo palestino".
Así o anunciou este xoves a organización deste festival, que se celebrará nesta localidade pontevedresa entre os días 6 e 21 de setembro.
Ademais, como apoio a Palestina, o festival proxectará o próximo 13 de xuño cinco curtametraxes de realizadores palestinos, no marco dunha xornada solidaria destinada a recadar fondos para unha ONG que presta axuda sanitaria á poboación de Gaza.
O público poderá elixir entre pagar unha entrada de tres euros para asistir ás proxeccións ou adquirir unha entrada solidaria, decidindo canto diñeiro doan para apoiar ás vítimas de Gaza aínda que non asistan a esta sesión. Están á venda na páxina web do FICBUEU.
A cooperativa compostelá Numax encargouse da selección das obras, de facilitar a loxística das copias e do subtitulado dos curtos ao galego.
A antoloxía fíxose a partir do catálogo de "Another Gaze", unha plataforma informativa dixital e en papel centrada no cinema e no feminismo, que ademais é parte do proxecto polo que o FICBueu organiza esta sesión solidaria.
Catro dos cinco que se proxectarán son desta última década.
Serán "O elefante branco" (2018) de Shuruq Harb, "O teu pai naceu hai 100 anos e así era a Nakba" (2017) de Razan AlSalah, "A protesta silenciosa: Xerusalén 1929" (2019) de Mahasen Nasser-Eldin e "Gaza eléctrica" (2015) de Rosalind Nashashibi.
"Estrada a Palestina", dirixida por Layaly Badr en 1985, completa esta selección.