O FICBUEU convida a celebrar o día máis curto do ano con cinema e chocolate

Bueu
20 de decembro 2022

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) convida a toda a poboación a dobre sesión de curtametraxes e chocolate quente. As proxeccións, con entrada de balde, realizaranse ás 18:00 horas cunha sesión de curtas en familia e ás 20:00 horas para persoas adultas. As dúas serán no Centro Social do Mar

Público asistente ao FICBueu 2019 FICBueu

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) convida a toda a poboación a celebrar o día máis curto do ano, este mércores 21 de decembro, con dobre sesión de curtametraxes e chocolate quente para todas as persoas asistentes

O mércores 21, solsticio de inverno e día con menos luminosidade, era a data máis sinalada da chamada Saturnalia, unha festividade romana na que se celebraba o fin dos días máis curtos do ano, e que acabou derivando no actual Nadal.

Este decembro, despois da pandemia da covid-19, o festival de Bueu retoma esta actividade, que xa celebrara no pasado, e ten programadas sesións de proxeccións para todas as idades no Centro Social do Mar de Bueu.

As proxeccións, con entrada de balde, realizaranse ás 18:00 horas para público familiar e ás 20:00 horas para persoas adultas

Para asistir ao evento só será preciso retirar o convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto unha hora antes do evento.

A Sesión familiar incluirá a proxeción de The best orchestra in the world, de Henning Backhaus (Australia, 13 min); Brotar, de Montse Piñeiro e Rubén Abad (España, Galicia, 3 min); Merry, grandmas, de Natalia Mirzoyan (Rusia, 8 min); The little thief, de Nicole Vanden Broeck (Reino Unido, 3 min); The bear who swallowed a fly, de Pascale Hecquet (Bélxica, Francia, 7min); Mondo domino, de Suki (Francia, 6 min); Carolina e o corvo de ás brancas, do CEIP do Hío (7 min); e Oso atrapabolboretas, do CEIP A Pedra (5min).

A sesión adulta incluirá as proxeccións de Handbook for a privileged european woman, de Alma Buddecke (Alemania, 10 min); The adventures of Gloria Scott, de Matija Pisacic e Tvrtko Raspolic (Croacia e Serbia, 15 min); Ficciones, de Alejandra Kikidis e Teo Planell (España, Madrid, 15 min); Reality, de David Fidalgo Omil (España, Galicia, 8 min); e Ascenso, de Juanjo Giménez (España, Cataluña, 15 min).