O Festival Novos Cinemas 05 preséntase cun formato adaptado que poderá seguirse a través da plataforma Filmin

Pontevedra
11 de decembro 2020

A quinta edición do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que vai desenvolverse entre os días 15 e 20 de decembro, era presentada este venres polos promotores Dani Froiz e Suso Novás xunto a Carmela Silva, presidenta da Deputación; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Jacobo Sutil, director do Agadic e Jorge Soto, vicerreitor da Universidade

Presentación de Novos Cinemas 05 Mónica Patxot

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, chega á súa quinta edición, que se iniciará o martes 15 de decembro e finalizará o domingo 20. Este venres presentábase por parte dos organizadores Dani Froiz e Suso Novás a programación do festival nun acto no que participaban Carmela Silva, presidenta da  Deputación; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Jacobo Sutil, director do Agadic e Jorge Soto, vicerreitor da Universidade de Vigo.

Con motivo das limitacións establecidas con motivo da pandemia, a entrada de público para ver as películas redúcese a 98 persoas. Pero, como alternativa, Dani Froiz anunciaba que nesta ocasión poderanse ver as películas que se proxectarán tanto na sección oficial como na sección Latexos a través da plataforma Filmin, que conta cunha canle de Novos Cinemas 05. Neste espazo tamén se subiu unha selección de proxeccións que pasaron polo certame en anteriores edicións.

Froiz explicaba que a situación provocada pola covid-19 obrigou a realizar un esforzo especial na organización do evento deste ano, que vén marcado por singularidades como o desenvolvemento en liña de #Lab Novos Cinemas e a emisión por streaming dos encontros cos cineastas Andrés Goteira e Nuria Giménez. Os organizadores do Festival explicaron que as restricións adoptadas para esta edición fanse desde o punto de vista da responsabilidade.

Suso Novás explicaba que haberá nove longametraxes na sección oficial e tres deles serán estreados en Pontevedra para toda España. Polo festival pasarán filmes de nacionalidade croata, norteamericana, italiana, francesa, alemá, arxentina, danesa e  angoleña, que se trata da primeira película africana que se programa no Festival e que, segundo Novás, mostra unha cinematografía emerxente que dará moito que falar. A sección Foco centrarase na figura de Luís López Carrasco, autor dunha curtametraxe e dúas longametraxes. O concurso Latexos, que recolle películas máis íntimas, ofrecerá catro longametraxes, unha delas de nacionalidade arxentina.

O encargado da programación indicou que as circunstancias obrigaron a reducir as actividades para escolares pero engadiu que están a desenvolver un programa de iniciativas para os centros de estudo. 

Jacobo Sutil, director do Agadic, recoñeceu a importancia que o sector audiovisual ten para Galicia e subliñou o diñeiro que procede do exterior para poñer en marcha propostas realizadas na comunidade e, entre outros traballos, destacou a película 'A Illa das mentiras', a serie de Jorge Coira 'Hierro' ou a rodaxe de 'Un asunto privado', produción de Amazon, que se realiza en escenarios das Rías Baixas. 

Pola súa banda, Jorge Soto, en representación do campus pontevedrés, incidía na implicación que o alumnado da Universidade de Vigo ten neste evento e a importancia destas citas culturais para a cidade.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, comezaba a súa intervención lembrando que a cultura é segura e afirmou que, en momentos como o confinamento, o sector audiovisual foi básico para crear espazos de felicidade para que a xente sentise mellor. Insistiu no gran talento creativo que existe na provincia e afirmou que se vive un "momento revolucionario" no sector audiovisual, que ademais ofrece un movemento económico "importantísimo" xerando emprego e desenvolvendo pensamento crítico. Neste sentido, destacou que a provincia de Pontevedra conta con nove festivais cinematográficos.

Por último, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacaba que o festival incorporase novas tecnoloxías e agradeceu que todas as administracións implíquense nestes proxectos. Afirmou que hai que ser positivos con proxectos como Novos Cinemas 05 e aproveitar a oportunidade de saír reformados de "esta maldita pandemia".