Unha emotiva entrada deu por inaugurado este sábado o Festival das Núbebes. A cita chega ao seu décimo aniversario e, para celebralo, os nenos e nenas que participaron no festival desde os seus inicios e foron medrando protagonizaron os seus primeiros momentos.
"Moitos destes rapaces e rapazas xa maiores foron os bebés cos que eu entrei en brazo en anteriores edicións", explicou Andrea Bayer, narradora e responsable da programación con Baobab Teatro.
Andrea Bayer levaba con ela, no colo, unha bebé para esta apertura. A nena, que se portou xenial, é "sen dúbida a máis pequena da todas as edicións". Trátase de Amelia, de 15 días, filla de de Sabela Bará, alumna de Andrea Bayer e do concelleiro do BNG Alberto Oubiña.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, foi o responsable de inaugurar o festival. Fíxoo desexando a bebés e familias que gocen das artes escénicas ao longo desta fin de semana e tamén da próxima, xa que a programación continuará os días 12 e 13 de outubro.
A choiva non foi impedimento para que numerosas familias participaran no espectáculo inaugural, ‘Roque e convidadas’. Nel, Andrea Bayer e o público agardaron con animadas cantigas a chegada da mascota Roque.
A mañá tamén incluíu os contos de Tareixa Alonso de Pavís Pavós e para a tarde a programación inclúe sesións de Mans de Pablísimo, os Contos con Roque de Baobab Teatro e o Consertasso na horta de Brais das hortas.
Este domingo a música será a protagonista con Ondamini de Mamá Cabra, Tralará de Marta Ortiz e Puño Puñete de Baobab Teatro.
As entradas para todas as actividades teñen un prezo de 3 euros máis gastos e están xa á venda en Ataquilla.com. De non esgotarse, unha antes de cada pase na billeteira do Teatro Principal.
O acceso á tradicional Guerra de almofadas da vindeira fin de semana é de balde, pero precisa retirar convites, (máximo 4 por persoa) unha hora antes do comezo no despacho de billetes do teatro.