O "Eroski Paraíso" de Chévere pétao no Teatro Principal

Pontevedra
16 de decembro 2016

O público pontevedrés aplaudiu de principio a fin esta comedia que vira sobre o peche de sala de festas Paraíso, en Muros. O lugar no que coñeceu a parella e que na actualidade é un supermercado. Igual que eles que tamén tiveron que emigrar

Representación de "Eroski Paraíso" de Chévere no Teatro Principal Diego Torrado

O Teatro Principal de Pontevedra colgou o cartel de non hai billetes para a obra "Eroski paraíso", da compañía Chévere.

O público pontevedrés aplaudiu de principio a fin esta comedia que vira sobre o peche de sala de festas Paraíso, en Muros. O lugar no que coñeceu a parella e que na actualidade é un supermercado. Igual que eles que tamén tiveron que emigrar.

Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, dous dos actores máis galardoados e recoñecidos de Galicia, interpretan "Eroski paraíso". Estiveron acompañados sobre o escenario pola nova actriz Cristina Igrexas.

Esta produción de Chévere pecha o ciclo Ponteatro do Concello de Pontevedra que na súa edición 2016 consolidouse na cidade con excelentes cifras de participación.

As 8 funcións programadas inicialmente, máis 3 concertadas con escolares, quedaron en 7+2 por mor da cancelación de Foucellas ante a indisposición dun dos seus actores. Pese a isto, non faltaron a variedade e a calidade e os fieis espectadores do ciclo puideron gozar con dramas, comedias, espectáculos de gran formato e ata toques musicais…

‘Os amores de Jacques o fatalista’ de Excéntricas, foi a encargada de abrir o ciclo facendo rir a gargalladas ao público. ‘Palabras malditas’ de Teatro do Noroeste, accésit do premio Lope de Vega de textos teatrais amosou a España da posguerra a escolares e público en xeral. ‘Get Back’ de Eme2, arrasou no pase das 21h e tamén no escolar, para o que houbo lista de agarda. ‘O tolleito de Inishmaan’ de ContraProducións, dirixida por Cándido Pazó e cun Santi Romay brutal no papel de tolleito, deixou a case 400 persoas coa boca aberta con esta peza de teatro irlandés. 

Pola súa banda, os Venres Golfos, acadaron esta segunda edición un 25% de incremento no aforo medio. ‘Panamericana’ de A Panadaría e ‘Listo para sentenza’ de Triatreros, superaron os 160 espectadores/espectáculo.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, manifestou a súa satisfacción sobre os datos acadados e as numerosas felicitacións recibidas de parte do público asistente ao longo do ciclo: Unha garantía para a continuidade do mesmo.