O equinoccio de primavera comezará o 20 de marzo ao son de contos e historias

Pontevedra
17 de marzo 2023

O Día Internacional da Narración Oral celebrarase en Pontevedra cunha xornada chea de actividades como contos solidarios nos tres hospitais da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e acabará en Santa Clara co narrador Celso Fernández

Presentación da programación do Día Internacional da Narración Oral Isaac Cabanelas

O vindeiro luns 20 de marzo celebrarase en Pontevedra o Día Internacional da Narración Oral. Este venres tivo lugar a presentación da programación das actividades que se van levar a cabo con Carme da Silva, concelleira de Festas do Concello de Pontevedra; e Tareixa Alonso, organizadora do festival Sete Falares e membro de Pavís Pavós.

Trátase dunha data que, segundo afirmou Da Silva, "ten o obxectivo de reivindicar a arte da narración oral, que en Galicia ten unha tradición importante". 

Esta iniciativa contará con numerosas actividades durante todo o día. A xornada comezará ás 10:00 horas coa narración solidaria de contos orientados a un público adulto, da man de Bea Campos, no Hospital Montecelo. Ademais, Raquel Queizás e Carmen Domech serán as encargadas de animar os máis pequenos da sala de pediatría do Hospital Provincial, mentres que Soledad Felloza e Quico Cadaval ofrecerán as súas sesións nos servizos de oncoloxía e en rehabilitación, respectivamente. Olga Abad intervirá cunha actuación no Hospital do Salnés.

A partir das 17:30 horas a Street Band de Jazz de Pontevedra, xunto cos contadores de Polo Correo do Vento; Bea Campos, de Migallas; e Pavís Pavós, percorrerán as rúas da cidade desde a Casa do Concello ata a Praza da Peregrina, onde cantarán e intercambiarán música con contos.

O contacontos Celso Fernández pechará a xornada coa narración de historias ás 20:30 horas no Convento de Santa Clara.

Alonso destacou que este ano o manifesto do Día da Narración Oral de Galicia foi escrito por José Campanari. Nese documento, o contador fai fincapé en que "o visto, o vivido, o escoitado, o lido forman parte dese repertorio de contos, historias, anécdotas e lembranzas doutros tempos que se coparten maneira oral acotío".