O Edificio Castelao acollerá dúas actividades sobre arte rupestre dirixidas a escolares e familias

Pontevedra
01 de outubro 2022

As actividades arrancarán o mércores 5 de outubro coa celebración de varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental a cargo do arqueólogo e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa

Obradoiro para conmemorar o Día Europeo da Arte Rupestre Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra ten preparada unha serie de actividades para celebrar coa cidadanía o Día Europeo da Arte Rupestre, que se conmemora oficialmente o 9 de outubro.

As actividades arrancarán o mércores 5 de outubro coa celebración de varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental a cargo do arqueólogo e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa. 

Durnate a mañá celebraranse dous obradoiros dirixidos a centros escolares. O primeiro deles, 'A natureza, o supermercado da Prehistoria' axudará ao alumnado a valorar o coñecemento das persoas do Paleolítico sobre a natureza e como obtiñan recursos dela sen modificar a súa contorna, mentres que co segundo, baixo o nome 'O primeiro graffiti', a rapazada achegarase aos procedementos das e dos artistas paleolíticos e comprenderá o proceso intelectual que hai detrás da concepción e o deseño dos útiles de pintura.

Pola tarde, a partir das 17.30 horas terá lugar un novo obradoiro dirixido a familias con crianzas a partir de 8 anos, que montarán un bastidor cunha pel de cervo. Titúlase 'Pel para vestir e moito máis' e explicará como a caza era no Paleolítico superior un recurso de primeira orde, no que se aproveitaba integramente as pezas cazadas. O obradoiro será aberto ao público, realizando a inscrición a través do correo electrónico educacion.museo@depo.gal.

As actividades continuarán o martes 11 de outubro ás 19.00 horas coa conferencia 'Investigacións sobre o contexto da pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular', a cargo da arqueóloga e profesora Beatriz Comendador. Esta palestra ten como obxectivo achegar ao público o fenómeno da pintura rupestre postpaleolítica, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre peninsular.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase o 9 de outubro, data que precisamente coincidirá coa clausura da mostra 'Arte rupestre. Da rocha ao Museo', que se exhibe no Edificio Castelao. Esta exposición recorda as primeiras iniciativas de difusión da arte prehistórica e constitúe unha boa oportunidade para comprender como a Prehistoria se converteu nunha disciplina científica e como se deu a coñecer por primeira vez ao público xeral nas primeiras décadas do século XX.