O documental marinense, "Devolvendo o golpe", gaña os premios do xurado e do público no Festival Primavera do Cine

Marín
13 de setembro 2021

A longametraxe documental que narra a historia de superación do boxeador marinense, Aarón González, fíxose cos dous máximos galardóns do veterano festival de cinema de Vigo

Entrega de premios do Festival Primavera de Cine de Vigo Paula Cermeño

O documental marinense, "Devolvendo o golpe", gaña os premios do xurado e do público no Festival Primavera do Cine, de Vigo.

A longametraxe documental que narra a historia de superación do boxeador marinense, Aarón González, fíxose cos dous máximos galardóns do veterano festival.

"Devolvendo o golpe" está escrito e dirixido polo realizador e xornalista marinense Carlos Prado Pampín e producido por Trece Amarillo. É o primeiro festival de cinema no que participa despois de que tivese a súa preestrea no cinema Seixo de Marín, durante o pasado mes de xullo.

A documental conta coa axuda e patrocinio da  Deputación de Pontevedra, o  concello de Marín e concluíu o seu financiamento cunha campaña de micromecenado que foi apoiada por 140 persoas. 

Aarón González, o recente tricampión de España de boxeo olímpico, foi atropelado por un coche cando tiña 10 anos mentres esperaba ao autobús escolar. Grazas ao apoio de Rosa, a súa nai, tentará, non só volver camiñar, senón cumprir o seu soño de ser campión de España de boxeo.