O Día das Letras Galegas estará marcado pola poesía en Marín

Marín
10 de maio 2022

O propio 17 ás 12.00 horas no Museo farase entrega do galardón ao gañador ou gañadora do Concurso de Poesía do Concello

Florencio Delgado Gurriarán Deputación de Pontevedra

O Día das Letras Galegas estará marcado pola poesía este ano en Marín. O Premio de Poesía do Concello convocou 27 traballos na modalidade de adultos e 9 na de escolares.

A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, indicou que foi "un ano especialmente bo na participación deste certame, que consideramos unha oportunidade boísima para que aquelas persoas que utilizan a nosa lingua para facer literatura poidan optar á visibilidade que dá sempre un concurso e, no caso dos adultos, a un premio de 1.000 euros".

O premio entregarase o propio 17 de maio ás 12.00 horas, nun acto no Museo Manuel Torres. Despois, ás 13.00 horas, a Alameda acollerá un concerto do grupo Picuíña.

Ademais, de xeito paralelo para celebrar o Día das Letras, a Biblioteca Pública Vidal Pazos acollerá distintas actividades de contacontos, como a que xa se celebrou o pasado día 7 e a que está prevista para o 28.

Tamén na Biblioteca haberá unha exposición dos carteis elaborados pola Xunta de Galicia sobre a vida e a obra do poeta do Barco de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano.

 

Arquivado en