O desfile Debut será virtual e as coleccións do alumnado exporanse no Museo de Pontevedra

Pontevedra
19 de novembro 2020

A situación sanitaria fai imposible a celebración do desfile de moda Debut, no que cada ano os novos titulados do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo presentaban as coleccións de fin de estudos. No seu lugar, proxectarase un vídeo no que se recolle todo o proceso de elaboración, así como entrevistas e fotografías

Colección de fin de estudos da Esdemga que se mostra no vídeo Fernando Suárez en DUVI

A situación sanitaria fai imposible a celebración do desfile de moda Debut, no que cada ano os novos titulados do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo (Esdemga) presentaban no Pazo da Cultura as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos.

Como informa Eduardo Muñiz para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), máis aló da propia pasarela, Debut é tamén unha semana de formación e de actividades do alumnado que remata os seus estudos e se enfronta á vida laboral. Con esa filosofía, Debut celebrará entre o luns 23 e o venres 27 de novembro unha nova edición.

Segundo adianta para o DUVI Lola Dopico, a directora de Esdemga, esta semana abranguerá un programa de actividades formativas para o alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, un encontro virtual dos novos titulados con empresas do sector e a apertura, o xoves 26, dunha exposición no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra con proxectos levados a cabo polo alumnado.

"Desde o principio, desbotamos a posibilidade de facer o desfile, pero si buscabamos alternativas, porque entendíamos que había varias cousas que podíamos facer para seguir amosando o traballo que facemos nas aulas e seguir tendendo pontes coa cidadanía, que para nós é algo moi importante", salienta Dopico.

DESFILE VIRTUAL

A exposición 'Debut 2020. Edición Limitada' poderá visitarse ata o 13 de decembro e estará conformada por unha selección de proxectos realizados o pasado curso polo alumnado no seu primeiro ano de formación do mestrado, o que contribuirá a achegar á cidadanía aos "procesos de aprendizaxe" nesta titulación da Facultade de Belas Artes.

O título Edición limitada responde a un xogo de palabras que fai referencia tanto ás limitacións obrigadas polas circunstancias, como á necesaria adaptación a unha situación que fai que esta edición sexa "única", en alusión tamén ás coleccións cápsula que lanzan as firmas de moda durante un período limitado.

A situación xerada pola covid-19, recoñece Dopico, motivou que se optase para esta exposición por traballos de primeiro curso e non polos proxectos de fin de estudos, "que son coleccións que o alumnado ten que presentar diante do tribunal", dada a complexidade que suporía combinar a propia avaliación coa súa exposición. Con todo, Debut mantén neste 2020 o seu obxectivo de dar visibilidade a estas coleccións finais, que nesta ocasión levarase a cabo a través dun vídeo, "no que contamos con imaxes das coleccións, fotos do proceso de elaboración e con pequenas entrevistas ás e aos estudantes que rematan", explica Dopico. O vídeo, que contou tamén coa "produción sonora en vivo" do grupo Fotogenia, que realizou unha composición ex profeso para esta peza audiovisual, difundirase a vindeira semana.