A undécima edición do Culturgal quedaba inaugurada na mañá deste venres no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Xosé Leal, deputado responsable de Cultura, eran as primeiras autoridades encargadas de visitar os máis de 80 postos onde se amosan as diferentes propostas artísticas e culturais deste ano.
Durante o acto de inicio da feira das industrias culturais, o deputado Xosé Leal afirmou que a cultura é un motor que funciona porque todos aportan o seu gran de area. Pola súa parte, o conselleiro Román Rodríguez indicaban que a cultura aporta un 3% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e dá traballo a 30.000 persoas. A Xunta de Galicia presentará no Culturgal algunhas das accións culturais que estarán vencelladas á celebración do Xacobeo 2021.
Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou a implicación de todas as administracións en apoiar un proxecto destas características e apuntou a necesidade de que as iniciativas galegas sigan a dar pasos cara adiante para crear máis postos de traballo.
A continuación, os diferentes representantes políticos acompañaron a Víctor López, presidente en funcións da Asociación Culturgal, por todas as instalacións nas que se desenvolven todo tipo de propostas para a diversión de escolares e de adultos, desde maxia ata música pasando por teatro, venda de libros, sesións de contos e presentacións dos últimos traballos dos creadores galegos. Por segundo ano consecutivo, hai un espazo destinado a arte contemporánea.
Desta forma, este mediodía no Espazo Carpa desenvolvíase a entrega dos premios do certame audiovisual de dinamización lingüística Nós tamén creamos!
Ao longo destes tres días agárdase a visita de máis de 15.000 persoas. Este venres, ás 19.00 horas preséntanse os Premios Emprende-Gaiás Sixto Seco a cargo da directora da Fundación Cidade da Cultura Ana Isabel Vázquez e ás 21.30 horas o auditorio do Pazo da Cultura acolle a preestrea de 'Sofía e as Postsocráticas', de Inversa Teatro, con Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas.
O sábado abrirán as portas ás 11.00 horas e, entre outras actividades, os asistentes poderán ver as actuacións do concurso de canción infantil Quero cantar, que organiza a Deputación. Tamén se presentará ás 13.00 horas, Escenas do Cambio 2019, da Cidade da Cultura de Galicia, coa presenza de María Pereira Otero, directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura de Galicia.
Toda a programación pode consultarse na páxina web de Culturgal.