O Culturgal abre as súas portas no Pazo da Cultura coa intención de superar os 15.000 visitantes

Pontevedra
29 de novembro 2019

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, indicou na inauguración que esta Feira das Industrias Culturais que se desenvolve no Pazo da Cultura avanza tanto en cantidade como en calidade das propostas. Invitou a que o público se achegue ao recinto e merque os diferentes produtos creados con "moito mimo" en Galicia

Inauguración da XII edición de Culturgal Cristina Saiz

A duodécima edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, xa está en marca. Este venres 29 abría as súas portas coa inauguración a cargo do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Ao longo de toda a fin de semana van desenvolverse máis de 100 actividades nas instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra e 80 stands presentarán algunhas das propostas culturais máis innovadoras e sorprendentes que se elaboran en Galicia.

Román Rodríguez resaltaba o espazo diverso e aberto das iniciativas que se presentan sempre tratadas con "moito mimo" e destacou o Culturgal como o "maior evento cultural de Galicia". Neste sentido, apuntou que a un ano da apertura da Porta Santa co inicio do Xacobeo 21, nesta Feira obsérvanse avances de cara a ese gran acontecemento. O conselleiro, ademais, insistiu en que asistan visitantes a este encontro co obxectivo de superar as 15.000 persoas da edición de 2018 e invitou a que non só se pasee senón que adquiran cultura para que, deste xeito, se consolide o público, que "é o máis importante" para un sector que xera 35.000 empregos en Galicia.

O vicepresidente da asociación Culturgal, HenriqueAlvarellos, tamén destacaba que esta cita serve para buscar o valor engadido que proporciona a cultura a través de valores humanísticos. Pola súa banda, a deputada provincial da área de Cultura, Victoria Alonso, sinalaba que nesta edición se ofrecen alternativas culturais para as novas xeracións a través de vídeoxogos ou de aplicacións móbiles e animou aos programadores a acudir a Pontevedra para obter ideas que despois poidan trasladar aos seus respectivos Concellos.

Carmen Fouces, concelleira de Cultura, desculpou a ausencia do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que se atopaba durante o mediodía nunha xuntanza da FEGAMP e destacou que Pontevedra se converte durante tres días na capital da creatividade cunha ampla programación tamén centrado no público infantil para que retroalimente a actividade cultural. Tamén subliñaba a importancia desta Feira para difundir a identidade propia de Galicia.

Ao longo do Recinto Feiral atópanse desde postos de venda de produtos artesanais como xoias de autor; pezas tradicionais como zocas, bolsas ou carteiras; instrumentos de percusión; o stand de Xerais, a editorial que celebra o seu corenta aniversario a Casa de Rosalía; a escola de creadores de banda deseñada O Garaxe Hermético; Talía Teatro, que presentará este domingo ao mediodía o seu novo espectáculo para público familiar 'Lambetadas' o Festival de Cans ou espazos que atraen os máis novos con vídeoxogos e experiencias de realidade virtual, promovidos a través da Asociación Galega do Vídeoxogo.

Un ano máis tamén se atopa aberto o Espazo Gastro Culturgal para comer, beber e descansar entre as diferentes actividades, con catro restaurantes activos. O Espazo de Arte Contemporánea volve ofrecer interesantes propostas artísticas con representación, entre outros, do Centro Galego de Arte Contemporánea, Fundaçao Bienal de Arte cerveira, Novos Valores, a mostra fotográfica do premio Luis Ksado e unha mostra de obras de artistas entre os que se atopa Sergio Portela.

As entradas para acceder ao recinto contan con prezos moi reducidos: para persoa adulta é de 3 euros, a de infantil, entre os 3 e os 14 anos, é de 2 euros; e os bebés ata 3 anos poderán entrar sen pagar entrada. O bono para os tres días é de 5 euros para adultos e de 3 euros para menores de 14 anos.

Un dos puntos fortes do programa será este sábado ás 21.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura coa actuación de Marful con Sabela de Operación Triunfo, un espectáculo especial elaborado para o Culturgal. Para este concerto, o prezo da entrada é de 8 euros.

Toda a programación do Culturgal pode consultarse na páxina web da Feira.